O Responsábel Nacional de Formación e deputado do BNG, Iago Suárez, a Responsábel Comarcal de Galiza Nova na Comarca de Celanova e a Baixa Limia, Laura Pérez, e a Concelleira de Verea, Noelia Pérez, presentaron este xoves a trixésimo quinta edición das xornadas de formación de verán da organización xuvenil, que terán lugar os vindeiros días 20 e 21 de setembro nos concellos de Verea, Bande e Celanova.
O programa destas xornadas combina formación política, debate, convivio e actividades para coñecer a comarca e a súa realidade. Segundo Iago Suárez, “falaremos dos grandes desafíos ambientais que afronta Galiza, así como da terrible vaga de incendios que este verán viviu o noso país e nomeadamente estas comarcas, falaremos de prevención e de que pasos se deben de dar agora”. Suárez destacou que tamén se levará a cabo unha actividade formativa arredor da comunicación e das redes sociais, así como outras actividades de lecer e coñecemento da contorna.
Pola súa banda, a Responsábel Comarcal da organización xuvenil, Laura Pérez subliñou o valor de realizar estas xornadas en comarcas como a das Terras de Celanova e a Baixa Limia: “Tras o traballo feito no pasado final de ano coa recollida de sinaturas, é outra forma de demostrar que no interior do país tamén hai mocidade nacionalista, que se organiza e que ten vontade de colaborar e aprender”. Pérez engadiu que están abertas a calquera persoa de entre 15 e 30 anos, mesmo sen experiencia previa en política: “Sempre hai unha primeira vez para tomar partido”.
As actividades contarán coa participación de figuras destacadas, como Olaia Ledo, Responsábel de Ecoloxismo da Executiva Nacional do BNG, ou Montse Valcárcel, Deputada do BNG no Parlamento Galego. Iago Suárez tamén insistiu na importancia de coñecer o contexto local: “Queremos comprender mellor a realidade dos lugares que nos acollen, identificar os seus problemas e visibilizar ameazas como as dos incendios, que non só afecta a esta zona, senón a moitas vilas do país”.
“Tamén haberá tempo para o ocio e o convivio e o sábado pola noite contaremos coa actuación musical de Pappaquino, un artista emerxente de Verín que seguro que nos fai bailar a todas”, apuntou Laura.
Desde Galiza Nova animan á mocidade galega a inscribirse a través dun formulario en liña ou contactando coa organización mediante o correo ou as redes sociais. A programación completa, que incluirá debates, obradoiros e visitas guiadas, será anunciada proximamente nas canles oficiais da organización.
“Estas xornadas están pensadas para que calquera mozo ou moza, sen importar o seu nivel de implicación previa, atope espazos de aprendizaxe, reflexión e acción colectiva”, concluíu Iago Suárez