A Responsábel Nacional de Mulleres, Sabela Méndez e a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, presentan para o Día Internacional contra as violencias machistas, unha campaña que analiza o avance do discurso da extrema dereita e da onda reaccionaria, que aproveita as redes sociais para introducir entre a mocidade discursos que demonizan o feminismo, reproducen estereotipos misóxinos e presentan as mulleres como inimigas, normalizando a violencia contra elas.
A campaña “Non tememos o voso fascismo” desenvolverase ao longo das próximas semanas con actividades que incluirán, entre outras, conversas de análise ou obradoiros de autodefensa. Os eventos estarán deseñados para abordar estas violencias desde a realidade comarcal, adaptando o discurso ás necesidades e circunstancias de cada localidade. Gómez destacou que “este traballo a nivel comarcal reforza o compromiso de Galiza Nova de loitar polas galegas en cada recuncho do país, construíndo alternativas desde as nosas vilas”.
Desde Galiza Nova destacan que esta ofensiva se introduce máis entre a xuventude, que carece de referentes e espazos de formación crítica, nun contexto de precariedade laboral, dificultades de acceso á vivenda e falta de expectativas de futuro, especialmente agravadas no caso das mozas galegas.
A organización xuvenil do BNG, sinala que non pode existir a emancipación da mocidade galega sen mozas libres de violencia, sen pór fin ás agresións físicas, psicolóxicas e sexuais e sen rachar co medo que o avance da ultradereita pretende instaurar nas nosas vidas. Así, enmarcan esta campaña na idea da emancipación nacional, que centrará o marco do debate da súa Asemblea Nacional o vindeiro sábado 29 de novembro.