Galiza Nova exixiralle á Xunta de Galiza a creación dun Plan de Emancipación Xuvenil que garanta a inserción laboral da mocidade galega

Campaña Galiza Nova
Campaña Galiza Nova
Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización: “A alta taxa de desemprego xuvenil, sumado coa falta de oportunidades para acceder a unha vivenda digna, fai que sexa practicamente imposible para nós pensar en desenvolver os nosos proxectos de vida no país”

Galiza Nova presenta unha campaña de defensa do emprego e a vivenda dignas para a mocidade baixo o lema “Actuar agora para defender a vida. Queremos vivir e traballar dignamente a nosa terra” co obxectivo principal de visibilizar a situación de precariedade que sufre a día de hoxe a mocidade galega.

Tal e como denunciou a súa Secretaria Xeral, Marta Gómez “os datos están aí e son incontestables. A taxa de desemprego xuvenil é superior ao 50%, para poder emanciparnos gastamos de media case un 60% do noso soldo e o 70% da mocidade galega ten que seguir vivindo na casa familiar, un terzo incluso tendo un soldo todos os meses”

A organización xuvenil do BNG presenta esta campaña co fin de denunciar esta situación e esixirlles aos gobernos da Xunta e do Estado “medidas reais que garantan os nosos dereitos”, visibilizando as diferentes situacións de precariedade que cada día sentenza o futuro das mozas e mozos galegos.

“Vemos como a contestación do Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza é vender fume, gabándose da baixada do desemprego xuvenil cando a realidade é que as condicións deses empregos non son suficientes para garantir unhas condicións de vida digna” sinalou Gómez.

A campaña dá continuidade á iniciada pola organización como traballo mobilizador para a manifestación convocada polo BNG contra a suba dos prezos en decembro de 2022. Nunha primeira frase a organización xuvenil realizou un traballo puramente axitativo “para animar á mocidade a saír as rúas nunha manifestación tan importante para o noso futuro”. Nesta segunda parte da campaña pretenden facer un contido máis didáctico con material informativo, tanto físico como nas redes sociais, así como con actos formativos nas distintas cidades e vilas do país “para concienciar a toda a sociedade de cal é a situación”.

Neste sentido, as mocidades do BNG tamén comezarán cun traballo de recollida de sinaturas para rexistrar unha Iniciativa Lexislativa Popular que inste á Xunta de Galiza a realizar un estudo específico sobre a situación laboral da mocidade galega e a deseñar un Plan de Emancipación xuvenil que garanta a súa inserción laboral e que rache coa temporalidade e a precariedade laboral.

“O PP desoe sistematicamente as iniciativas do BNG que demandan solucións para pór fin á precariedade que sofre a mocidade galega “ sinalou Paulo Ríos, deputado do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento, “Esta iniciativa de Galiza Nova é necesaria para demostrar que existe un descontento social e unha grande parte da mocidade que demanda políticas alternativas que garantan o seu futuro neste país” engadiu Ríos “dende o BNG apoiarémola e estaremos sempre defendendo a voz da mocidade, tamén dende o Parlamento” concluíu.

Dende a organización xuvenil animan a toda a mocidade a asinar e difundir a iniciativa, así como a participar dos distintos actos que organizarán e indican que toda a información sobre onde, cando e como participar estará dispoñible nas súas redes sociais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG