parlamento galego

A falta de control e ordenación dos pisos turísticos por parte da Xunta incrementounos un 3.000%

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández criticou que o PP votara en contra baixo a escusa de agardar por unha  sentencia xudicial que obrigue á Xunta a exercer o control sobre os  pisos turísticos

Lamentou que, unha vez máis, o Partido popular vetara establecer canles de control e racionalidade no uso dos inmobles e  amparando unha política de “lei da selva”

A portavoz de vivenda do BNG, Alexandra Fernández lamentou que, unha vez máis, o Partido popular vetara unha proposta para controlar e ordenar  o “uso dos pisos turísticos” e impedir unha práctica que se incrementou nos últimos asno no 3.000%.

Na defensa da proposición non de lei, a parlamentaria asegurou que “o modelo turístico” do Partido popular co desprazamento de residentes dos centros das cidades a zonas “turistificadas” sobre todo no litoral, favorece  a segregación das cidades e vilas e reduce eses espazos a “zonas tematizadas” entendidas como zonas comerciais ao ar libre para turistas e cun efecto a medio e longo prazo que repercute sobre o propio modelo turístico xerando “entornos turísticos pobres e sen memoria cotiá”.
Para a deputada, a proposta do  BNG pon o foco en “ordenar o turismo para salvar ao propio turismo” porque ao  seu xuízo, resulta alarmante a falta de ordenación nunha ámbito no que existen  máis de “16.000 vivendas para o uso turístico que ofertan  80.000 prazas por riba das prazas hoteleiras, situadas  en 60.000”.

Alexandra Fernández alertou do incremento dos pisos turístico en máis do 3.000%. pasando de  500 vivendas rexistradas no ano 2017 a  16.500 na actualidade. Para a deputada “urxe ordenar” esta actividade e a concentración de usos en áreas moi localizadas. Nesta liña, sinalou que esta práctica non afecta só as cidades, tamén  a concellos pequenos cun 50% de uso turístico,  concellos intermedios cun  29%, e concellos pouco poboados e afectados polo “efecto litoral” entre os que destacou:  O Grove, Cangas, Foz, Poio  Barreiros, Fisterra, e nas Rías baixas co máis do 27% da oferta. Isto constata, remarcou a deputada, que “a tendencia de concentración é urbana pero tamén no litoral”.

A Xunta nin ordena nin controla o uso turístico de vivendas

A nacionalista acusou á Xunta de non actuar e non cumprir as súas competencias nesta materia e reclamou  que cumpra coas medidas de ordenación e xestión do rexistro de actividades turísticas en Galiza. A Xunta, engadiu, tampouco garante o control e a legalidade no rexistro das vivendas porque   “nin planifica nin controla” e mantén unha verdadeira “lei da selva”. Calquera persoa que o desexe, pode dispoñer a súa vivenda para uso turístico porque “non existen medidas de control nin ordenación”.

Ao contrario que a Xunta, os concellos  procuran ordenar pero atopan grandes dificultades por parte da administración galega  pola  falta de control do rexistro das vivendas de uso turístico. A Xunta, só exixe “unha declaración do propietario” e non “a legalidade de que a vivenda cumpre con todos os requisitos”. Por outra parte, as persoas propietarias, só están obrigadas a presentar a licencia de primeira ocupación ou un certificado municipal que demostre que a vivenda reúne as condicións como tal pero “non para  uso turístico”.

Dende o BNG propoñemos que a Xunta corrixa esta “situación de descontrol” e “modifique a normativa actual” para  que a vivenda de  uso turístico  se sitúe nun  inmoble que cumpra coa normativa urbanística e co “título municipal habilitante” para o exercicio desta actividade.

Tras a intervención da portavoz popular, Begoña Freire que xustificou o voto en contra  argumentando que o goberno exercerá o control do uso dos pisos turísticos por sentencia xudicial, a nacionalista replicou que  a intervención de Freire constara que a Xunta non exerce o control mentres o Tribunal Superior de Xustiza non se pronuncie e trasladou a portavoz popular sentencias do TSXG recoñecendo que debe haber unha ordenación porque existe unha actividade económica. “A Xunta ten que modificar a normativa para que sexa cumprida polos propietarios”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG