A Executiva Nacional do BNG condena a interceptación da Global Sumud Flotilla

Palestina 6
Palestina 6
Exixe a liberación inmediata das activistas de Galiza

A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) condena o acto de piratería internacional  ilegal cometido por Israel contra a Global Sumud Flotilla, unha embarcación humanitaria que foi interceptada en augas internacionais cando se dirixía á Gaza o 18 de maio. Esta interceptación é contraria aos tratados internacionais e calquera ataque constitúe un crime de guerra e un ataque contra a soberanía do estado do pavillón dos barcos.

Desde o BNG  queremos expresar a nosa máis rotunda condena polo asalto e secuestro ás persoas activistas, entre as que se atopan seis activistas galegas, integrantes de Galiza-Global Sumud Flotilla, capítulo galego da Global Sumud Flotilla. Transmitimos asimesmo a nosa solidariedade coas persoas secuestradas e as súas familias e coas activistas galegas e do resto de tripulacións da flotilla humanitaria que están na singradura e que poden ser obxecto de interceptación, asalto e secuestro inmediato.

O BNG non vai quedar calado ante esta nova agresión do Estado sionista, non podemos seguir permitindo a impunidade de Israel. Exiximos, do mesmo xeito, ao Goberno galego,  español e á Unión Europea unha resposta inmediata e contundente fronte a este novo ataque a unha misión humanitaria de denuncia do xenocidio e da ocupación de Israel en Palestina. Trátase dun secuestro ilegal en augas internacionais que vulnera o Dereito Internacional, e as persoas secuestradas e retidas deben ser liberadas de maneira urxente e inmediata,  por iso esiximos ao Estado español e á Unión Europea protección diplomática, asistencia e protección para as activistas galegas do Galiza Global Sumud Flotilla para que volten a Galiza canto antes.

Reclamamos a través de varias xestións  diplomáticas e iniciativas urxentes presentadas nos Parlamentos Europeo, español e galego, que se activen todas as medidas políticas e diplomáticas contra Israel, incluída a ruptura de relacións e a suspensión do Acordo de Asociación EU-Israel, e que leve a cúpula do Goberno sionista perante a Corte Penal Internacional polos reiterados ataques contra a poboación palestina e contra as misións humanitarias, e transmitimos unha vez máis toda a nosa solidariedade co Pobo Palestino.

O BNG súmase hoxe 19 de maio ás concentracións que se van levar a cabo en varios puntos de Galiza en solidariedade coas persoas secuestradas e na denuncia contra Israel por este novo acto de piratería internacional, polo xenocidio e a ocupación en Palestina. Non á impunidade de Israel, liberación das galegas secuestradas!

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG