O encontro tivo lugar na sede da coalición soberanista en Bilbo. Por parte de EH Bildu participaron Gorka Elejabarrieta, secretario de Relacións Políticas e voceiro no Senado; Oihana Etxebarrieta, parlamentaria vasca e membro do equipo de Relacións Políticas; e Mario Zubiaga, senador. En representación do Bloque Nacionalista Galego acudiron tres membros da Executiva Nacional: Montse Prado Cores, co-responsábel de internacional e vicepresidenta do Parlamento de Galiza; Néstor Rego Candamil, coordinador da área institucional e deputado no Congreso; e Lucía López Sobrado, secretaria nacional de organización do BNG.
As dúas formacións soberanistas mantemos unha relación de confianza desde hai anos. Proba diso son tanto a nosa candidatura conxunta ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2014, en nome de Os Pobos Deciden, como as candidaturas conxuntas baixo o nome de Agora Repúblicas en 2019 e 2024.
Analizamos e contrastamos o momento actual das nosas nacións e do Estado en temas como a situación das nosas linguas, os servizos públicos, o sistema de financiamento...
Desde Euskal Herria Bildu vivimos con gran conmoción os acontecementos ocorridos en Galiza este verán. Aproveitamos ese contexto para analizar e compartir o modelo de política forestal que poña fin ao espolio e á depredación capitalista que en Galiza promove o PP ao servizo das grandes multinacionais.
Como até o de agora, as formacións soberanistas seremos determinantes á hora de empurrar o goberno do Estado a aprobar políticas transformadoras que contribúan a mellorar a vida dos nosos pobos. Nestes tempos en que os tambores de guerra resoan con forza no mundo e existe un clima de autoritarismo crecente, avanzar en dereitos sociais e nacionais é unha obriga.
Entender o momento político e social que vivimos, analizalo, compartilo e combatelo é máis necesario ca nunca. Con autonomía política e organizativa, a coordinación entre diferentes e os consensos sobre reivindicacións básicas deben ser o modelo a seguir.
Vivimos nun Estado plurinacional cuxo modelo actual, sustentado sobre o réxime do 78, demostrou ser incapaz de dar resposta ás aspiracións democráticas e nacionais dos pobos que o conforman. Superar ese marco é unha prioridade para avanzar cara a un modelo verdadeiramente democrático e xusto no que se recoñeza o dereito á soberanía das nosas nacións.
Fronte á onda reaccionaria que vén, desde EH Bildu e o BNG reafirmamos a nosa aposta por afondar na construción nacional e polas políticas transformadoras para os nosos pobos. Niso estamos e a iso nos comprometemos.