DÍA INTERNACIONAL DA VISIBILIDADE TRANS

Trans
Trans

Neste Día Internacional pola Visibilidade Trans, desde o Bloque Nacionalista Galego manifestamos o noso compromiso cos dereitos das persoas trans e non binarias, coa necesidade de reforzar e avanzar na igualdade fronte á proliferación de discursos retrógrados e reaccionarios que amparan e amplifican a transfobia, de xeito cada vez máis indisimulado.

Estamos a ver por todo o mundo movementos que buscan facer retroceder nos avances conseguidos despois de décadas de loita. O Comité Olímpico Internacional vén de estabelecer que a partir dos Xogos Olímpicos de 2028 se fará un unha análise xenética para categorizar o “sexo” das persoas deportistas. Esta análise, ademais de invasiva, parte de falacias bioloxicistas binaristas que desatenden, por unha banda, a complexidade da natureza humana, ademais de partir do suposto de que existe unha vantaxe masculina no rendemento e desempeño atlético.

Decisións discriminatorias que tamén chegan aos gobernos e ameazan os dereitos recollidos en diferentes textos normativos. Recentemente, a Assembleia da República en Portugal acordou iniciar os trámites para recortar a lei trans vixente polo acordo das forzas da dereita e a ultradereita. Mais tamén no caso do noso País, onde Partido Popular estatal ameaza constantemente con recortar a lei aprobada en 2023 mentres que o goberno galego non impulsa ningunha medida efectiva para fortalecer e garantir os dereitos das persoas trans.

E isto ten consecuencias directas, nomeadamente, sobre as persoas trans. A agresión homófoba denunciada hai unhas semanas en Pontevedra ou xa a nivel estatal, a brutal malleira a unha muller trans en León, beben deste clima retrógrado e reaccionario e supoñen unha ameaza directa para a integridade física e mental das persoas disidentes do cisheteropatriarcado, mais tamén para o conxunto da sociedade en xeral.

Fronte a isto, o BNG comprométese a seguir traballando na construción dunha Galiza na que todas as persoas teñan garantido o seu dereito a viviren con dignidade, liberdade e sen medo. Da man de organizacións e das persoas trans e LGBT+, manterémonos firmes na defensa dos dereitos xa recoñecidos mais sen ceder no avance para acadar unha Galiza libre de transfobia e LGBTfobia

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG