Día Internacional da Memoria Trans: #otranséreal

Trans
Trans
Con motivo do Día Internacional da Memoria Trans que se celebra o 20 de novembro, desde o BNG denunciamos a transfobia e facemos noso o lema #otranséreal.

O BNG está comprometido a loitar man na man coa colectivo LGBT no seu conxunto e a apoiar as súas reivindicacións. Neste sentido, promovemos a protección legal e social das persoas trans ao apoiar a Lei de identidade de xénero galega proposta por colectivos trans do País e demandamos que o tratamento clínico de afirmación de sexo sexa incluído no catálogo de prestacións do Servizo Galego de Saúde.

Reafirmamos alto e claro que ser trans non é unha doenza, polo que exiximos a plena e inmediata despatoloxización da transexualidade. O único que supón un risco para a saúde mental e física das persoas trans é a negación e o borrado da súa identidade e a discriminación e a violencia transfóbicas a que nos vemos sometidas e que demasiado a miúdo causan secuelas psíquicas que mesmo empurran persoas trans a se quitaren a vida.

O BNG apoia a elaboración dunha Lei galega para garantir os dereitos do colectivo LGTBI e que recolla as agresións lgtbifóbicas como delitos de odio e inclúa un réxime sancionador que supere a inoperante Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais en Galicia.

Desde o seu compromiso cos dereitos das persoas LGBT, o BNG condena todo tipo de violencia machista e transfóbica, reiterando que as mulleres trans tamén son vítimas do feminicidio e do terrorismo patriarcal que lacran a vida das mulleres. É por isto que a nosa Deputada no Parlamento Galego, Iria Carreira, afirmou con razón nun recente artigo que se non están as mulleres trans, non é feminismo, é patriarcado.

#asmullerestransnonmeborran

O BNG defende unha Galiza soberana, máis xusta e igualitaria en que todas as persoas que poidamos vivir en liberdade e igualdade independentemente da nosa identidade de xénero ou sexualidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG