DÍA DO ORGULLO 2025

Nos últimos anos é incuestionábel o avanzo que se produciu a nivel social e a conquista de dereitos para todas as persoas grazas, entre outras, á loita LGBT. Cando se fan 56 anos desde as revoltas de Stonewall acontecidas en Nova Iorque e 44 da primeira manifestación que saíu ás rúas de Vigo para conmemorar esas revoltas, o nacionalismo galego continúa a ser defensa incontestábel dos dereitos das persoas LGBT.

Mais a pesar de todos os dereitos acadados, cómpre ter presente o contexto actual no que estamos inmersas. Con grupos de extrema dereita acadando cada vez maiores cotas de poder político e coa importante difusión dos discursos de odio dirixidos cara a persoas LGBT, vemos como por todo o mundo se están a dar graves retrocesos. Agresións múltiples que se insiren ademais nunha tendencia máis ampla na que os dereitos máis básicos se están a desmantelar sistematicamente co pretexto de preservar a orde estabelecida. Cuestión da que xa vén alertando o movemento social: a LGBTfobia e a transfobia só son a primeira peza dun dominó que busca o retroceso da sociedade e restricións radicais dereitos fundamentais.

Non podemos esquecer tampouco no momento no que estamos o lavado de cara, cada vez máis infrutuoso, que tenta facer o sionismo erixíndose como garante da liberdade das persoas LGBT en Oriente Próximo mentres perpetra o xenocidio do pobo palestino que supuxo a matanza indiscriminada de milleiros de persoas.

Mais, a pesar do longo camiño andado, aínda fica moito por facer, non só para conquistar máis dereitos cara á construción dunha patria liberada máis xusta e igualitaria, mais tamén para manter os dereitos xa conquistados. Por isto, a loita segue a ser tan necesaria do que nunca para combater a LGBTfobia en todas as súas formas.

Desde o BNG continuamos apostando pola formación e a educación como ferramenta transversal e indispensábel que poña freo ás discriminacións que sofren as persoas LGBT+. Cómpre garantir espazos seguros en todo lugar, tamén nas rúas, e o acceso en igualdade aos servizos públicos en todas as etapas da vida.

Cómpre termos presente en todo momento o camiño que fica por andar e sobre todo o obxectivo cara o cal camiñamos, unha Galiza ceibe, sen odio, orgullosa de si e na que sermos libres. Por iso, mais unha vez, neste Día do Orgullo voltaremos a saír ás rúas de man da sociedade organizada para demandar os dereitos de todas as persoas e para defender todos os xa conquistados, reafirmando novamente o noso compromiso coa loita polos dereitos das persoas LGBT, como paso indispensábel para construír a República Galega á que aspiramos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG