Davila pide a TVE que retroceda na decisión de emitir touradas en horario infantil

A portavoz do BNG presentou unha pregunta no Congreso na que pide explicacións pola emisión deste tipo de “espectáculos violentos e de mal trato animal ” e critica o “empeño do PP por ensalzar a denominada “festa nacional”

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta por escrito na Cámara para peder explicacións ao Goberno pola decisión de TVE de emitir touradas en franxa horaria de programación infantil.

Davila critica a decisión de TVE de emitir este domingo a Feria de Mérida en horario infantil. “Desde o actual Goberno do PP, a televisión pública voltou a retransmitir touradas como a de hai un ano cando este tipo de emisións desapareceran da televisión estatal. Hai seis anos que non se emitían este tipo de “festexo” de maltrato animal”.

A deputada do BNG salienta o “empeño do Goberno do PP por ensalzar, revitalizar e incluso revestir de carácter cultural as touradas, denominadas “festa nacional”, linguaxe por certo que nos retrotrae a tempos pretéritos. De aí o seu empeño por declaralas “Ben de Interese Cultural”.

Vulnérase a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual

Para Davila, ademáis das cuestións de orde ideolóxico ou filosófico, “hai outra cuestión relevante de orde legal. A Lei Xeral de Comunicación Audiovisual prohibe a emisión en franxas horarias protexidas de contidos violentos que poidan ferir ou afectar á sensibilidade dos menores”. E neste sentido, sinala que o anterior manual de estilo de TVE cualificaba de violentas as touradas, “mais o PP suprimiu do manual de estilo este calificativo insistindo no seu carácter “cultural”.

Preguntas

Por estas razóns, a deputada nacionalista dirixe ao Goberno unha batería de preguntas:

“Por qué razón decidiu TVE emitir touradas en horario de protección especial para o público infantil? Considera o Goberno que se trata dun espectáculo apropriado para emitir nese horario? Non vulnera a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual?”.

Pide explicacións por ter cambiado no manual de estilo de TVE a cualificación das touradas de actos violentos. E preguntáse se “non se están a antepór os gostos persoais de membros do Goberno, de directivos de TVE e ideoloxías baseadas na coñecida como “festa nacional” á legalidade vixente en materia audiovisual”.

Para rematar, demanda que se dea marcha atrás neste tipo de emisións que estaban fóra da televisión pública desde había seis anos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG