Davila pide a Tejerina medidas contundentes para rematar co uso do leite como reclamo comercial

olaia24f5102A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que pide a Tejerina maior contundencia legal fronte aos abusos da industria láctea como é o feito de que se utilice o leite como reclamo comercial.

Neste sentido, Davila critica que o Ministerio de Agricultura se limite a configurar un Código de Boas Prácticas que “non deixa de ser un boletín de recomendacións. Por iso nos preguntamos se de verdade o Executivo acredita no “boísmo” dun Código cando a industria e os distribuidores nin siquera cumpren a lei”. Nesa liña, lembra o que sucede co Código de Boas Prácticas destinado á banca sobre o tema dos desafiuzamentos.

O Ministerio está a elaborar un borrador deste Código incluído na Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. Segundo as diversas informacións, unha das cláusulas deste Código demandaría que se deixe de utilizar o leite e outros produtos lácteos como reclamo comercial, “algo que continuamos a ver nas grandes superficies como unha norma habitual”.

O Ministerio está deixando ao sector só e desprotexido

Davila sinala que o leite é un produto de grande consumo, un alimento básico na dieta diaria dos consumidores.

Destaca que este problema leva tempo sobre a mesa do Ministerio “e non deixa de sorprendernos que se trate con tanta indiferenza cando se sabe que é un problema grave para o sector e que baixa moito os prezos”. A parlamentar nacionalista reprocha a Tejerina que se manteña aos gandeiros en situación de desproteción. “Non son bós tempos para o sector que asistiu recentemente ao fin do réxime de cotas lácteas estabelecido pola UE sen que o Goberno fixese política previa, a pesar de que había anos que se sabía do seu fin”.

Afirma Davila que o Executivo non facilita as cousas a un sector importante na Galiza. “Un sector que actualmente está en terra de ninguén, os prezos do leite en orixe seguen á baixa, o leite continúa a utilizarse como produto de reclamo e a única saída do Goberno é un Código de Boas Prácticas cando se coñece a agresividade da industria”.

Razón pola que demanda a Tejerina a adopción de medidas contundentes contra abusos deste tipo, “cunha lexislación clara e un control comercial do que está a suceder cos prezos do leite, tanto na orixe como na súa venda comercial”. Ademáis, quer saber que medidas está a tomar o Goberno en relación ao fin do réxime de cotas lácteas.

Reprocha finalmente a deputada do BNG ao Ministerio que “o seu ansiado non intervencionismo está acabando cun sector estratéxico para Galiza, e perante a pasividade do Goberno, a única cuestión que nos queda por saber é se o camiño marcado é o de deixar caer ao sector”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG