Daniel Pérez, á Xunta: “que máis ten que facer Xeal para que vostedes actúen para que a empresa cumpra as súas obrigas?”

Daniel Pérez
Daniel Pérez

O deputado do BNG recrimina ao Goberno galego no Parlamento a súa inacción ante o adelgazamento da actividade e o emprego na compañía

Advirte que hoxe non hai un só forno en funcionamento en Cee, pese a que o prezo da luz non é escusa para unha empresa produtora de enerxía   

“Que máis fai falta que faga Xeal para que a Xunta realmente se coloque diante dela para dicirlle que, ou ben mantén o emprego e a actividade, ou ben a reversión da concesión das centrais hidroeléctricas será unha realidade?”. Deste xeito o portavoz nacionalista de emprego, Daniel Pérez, recriminou no Parlamento galego a inacción do Goberno do PP ante o continuo incumprimento por parte da empresa das súas obrigas de manter a actividade industrial e o emprego, en virtude das cláusulas de concesión que vinculan estes dous estremos ao aproveitamento das centrais eléctricas, dependentes directamente do Executivo galego.

“Se vostedes fan iso, estou certo que a empresa reconsideraría moitas cousas, pero tamén estou case seguro que non o van facer”, reprochou con severidade logo de recalcar que o único obxectivo da dirección de Xeal é “segregar as actividades, algo que non puido facer no seu día pola vía xudicial e que agora faino adelgazando a empresa, adelgazando o emprego”.

Para o deputado nacionalista, a actitude da Xunta, eludindo as súas funcións, non foi ata agora “nin a desexable, nin a que ten que ser, e segue sen selo” e, neste sentido, recordou que dende a compravenda da empresa en 2019, perdéronse 110 empregos, cun descenso continuado e inxustificado da actividade produtiva, incluído os paros dos fornos que, aínda que se anuncia sistematicamente que se volverán reactivar, isto nunca chega a producirse, sen que, con todo isto, o Goberno galego interveña.

“A día de hoxe non hai un só forno en funcionamento na fábrica de Cee pese a que Xeal está obrigada polas cláusulas de vinculación da concesión do aproveitamento das centrais hidroeléctricas a manter o emprego e a actividade industrial”, advertiu, para negar a continuación que o prezo da enerxía poida ser unha escusa aceptable cando a empresa é produtora e vendedora de enerxía e, polo tanto, abarataría custes produtivos pero, segundo recalcou, “á empresa resúltalle máis rendible producir electricidade para vendela no mercado enerxético que dedicala a seguir producindo ferroaliaxes”.

“Estase a dar un incumprimento palmario das cláusulas que permitirían a reversión das concesións”, asegurou con rotundidade, para censurar á Xunta que se desentenda dun problema de grandísimo calado non só para Cee e Dumbría, senón para o conxunto da Costa da Morte.

Pérez estendeu esta actitude reprobable do Goberno do PP respecto da situación laboral no seo da compañía, cuxa dirección “puxo agora na súa diana os dereitos laborais e salariais do persoal e non dubidou en deixar sen aplicación unilateralmente o convenio propio para aplicar o sectorial, de peores condicións”, alertou. Nesta liña, cuestionou como é posible que a autoridade laboral galega non teña nada que dicir ante unha situación de durísima conflitividade laboral na que mesmo a empresa segue desoíndo unha sentenza xudicial para apartar a unha traballadora que sufriu acoso sexual do seu acosador, mesmo aínda que o fallo xudicial estea recorrido, e despediu a un traballador logo de declarar no xuízo a favor da traballadora acosada.   

“Hai unha actividade industrial vinculada a unha explotación enerxética dunhas centrais hidroeléctricas cuxa concesión depende directamente da Xunta, o que significa que esta ten a capacidade para reverter esas concesións en caso de incumprimentos graves, que é evidente que se están producindo dende o punto de vista da súa actividade e aos que hai que engadir ademais os tamén graves incumprimentos en materia de dereitos laborais”, incidiu.

“Que é necesario despois de todo isto para que o Goberno galego se sente coa empresa e lle formule a posibilidade que se non respecta as cláusulas de vinculación, ábrese a vía da reversión desas concesións?”, concluíu o deputado nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG