galegas 2024

Daniel Castro: “a sanidade pública leva 15 anos sufrindo os recortes do PP, é hora de darlle a volta á situación”

Reunión SOS Sanidade Pública
Reunión SOS Sanidade Pública

O número 2 da candidatura participou nun encontro en Viveiro con colectivos sociais vencellados á defensa sanidade pública

O BNG desde o goberno da Xunta executará un plan de mellora da atención primaria, aumentando o orzamento destinado á sanidade ata o 25% ao longo da lexislatura, e recuperará a área sanitaria da Mariña

Castro animou a toda a veciñanza a participar na manifestación de SOS Sanidade Pública o vindeiro domingo 4 ás 12:00 en Compostela

O número 2 da candidatura do BNG ao Parlamento de Galiza por Lugo, Daniel Castro, participou nun encontro cunha serie de colectivos sociais vencellados á defensa da sanidade pública da comarca da Mariña. Castro, que estivo acompañado por Iria Cotelo, traballadora do sector sanitario e número 5 da candidatura, defendeu que “a partir do 18 de febreiro é preciso darlle a volta aos 15 anos de recortes que o PP aplicou á sanidade pública”, e anunciou un investimento de 200 millóns de euros para “reforzar a atención primaria, a porta de entrada ao sistema sanitario, e un dos servizos que nos últimos anos sufriu máis recortes por parte do PP”.

Desde 2009, Galiza acumula un recorte orzamentario de 2.193 millóns de euros en Atención Primaria e 375.000 persoas están actualmente esperando por unha operación, por unha proba diagnóstica ou por unha consulta cun especialista. Daniel Castro afirmou que o PP na Xunta de Galiza “adicouse ao desmantelamento e a descapitalización constante da sanidade pública galega entregándolla a multinacionais e fondos de investimento”.

Reunión SOS Sanidade Pública
Reunión SOS Sanidade Pública

No encontro, no que participaron representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, da Asociación de Veciños de San Román e da Asociación de Veciños de Cabanas, ambas do concello do Vicedo, Castro anunciou que o BNG poñerá en marcha un plan de Mellora da Atención Primaria, incrementando o orzamento adicado á sanidade pública ata chegar ao 25% do destinado a sanidade ao final da lexislatura, ademais de reformar o sistema de áreas sanitarias, recuperando a área sanitaria da Mariña.

Castro anunciou tamén que o BNG incrementará o número de profesionais en todas as categorías tanto nos centros de saúde como nos PACs, para que permita aumentar o tempo da atención e a calidade asistencial, e mellorará os equipamentos de centros de saúde e PACs garantindo equipas completas en todos eles.

O número 2 da candidatura do BNG afirmou que o obxectivo do BNG é “reforzar o Servizo Galego de Saúde e convertelo nun instrumento de superación de desigualdade e nun motor da economía galega, ligándoo ao coñecemento e á tecnoloxía e creando emprego de calidade”.

Daniel Castro animou a participar na mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro domingo 4 de febreiro, a partir das 12:00 na Alameda de Compostela.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG