Senado

Da Silva defende ante Planas o futuro do sector pesqueiro galego frente á ameaza da instalación da eólica mariña

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva: “A Galiza ten que seguir sendo un mar de portos vivos e con futuro. O sector pesqueiro non pode ser sacrificado e entregado ante os intereses das eléctricas”

O Ministerio de Pesca non ten estudos sobre a afectación da eólica mariña flotante sobre o sector pesqueiro e os ecosistemas mariños, denuncia a senadora do BNG

A senadora do BNG exixe ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación atender o chamamento do sector pesqueiro galego e, por prudencia, non convocar ningunha poxa para a instalación de eólica mariña mentres non exista información e conclusións fundamentadas. Carme da Silva sinala a Luis Planas que “o sector pesqueiro non pode ser sacrificado nin entregado aos intereses das eléctricas” e reclama un Goberno do Estado que defenda un sector “motor económico e social de comarcas enteiras da Galiza”.

Ante a intención do executivo de acelerar a implantación da eólica mariña abrindo o proceso de poxa para implantar instalacións de eólica mariña flotante, a senadora nacionalista participou da sesión de control ao Goberno para reclamar unha viraxe e defender os intereses do sector pesqueiro galego frente ás presións das eléctricas.

“Señor Ministro, atenda o chamamento do sector que unanimemente reclama prudencia e que non se convoque ningunha poxa mentres non exista información e conclusións fundamentadas” demanda Carme da Silva, evidenciando a falta de datos que existe na actualidade sobre a afectación da eólica mariña flotante ao sector pesqueiro e aos ecosistemas mariños.

De facto, lembra a senadora do BNG durante a sesión de control, o único que recoñece o Documento Inicial estratéxico dos POEM de segundo ciclo son “dúas cuestión gravísimas: que a tecnoloxía eólica flotante non está madura e que a información sobre a afectación á actividade pesqueira é, literal, inexistente ou incompleta”.

“Faltan datos importantes sobre as zonas de traballo para a frota de menos de 12 metros de eslora, ou sobre a afectación dos distintos ecosistemas: sobre as migracións –como da anguía-, os cetáceos, as zonas de desove de distintas especies, ou dos campos electromagnéticos polo cableado de transporte e a súa afectación á pesca” enumera.

Lamentabelmente, denuncia Carme da Silva, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recoñece que non ten estudos sobre a afectación da eólica mariña flotante ao sector pesqueiro e aos ecosistemas mariños. Unha cuestión, opina a senadora do BNG, que debería ser fundamental á hora de impulsar ou non a eólica mariña e a súa instalación na costa galega.

“A Galiza ten que seguir sendo un mar de portos vivos e con futuro”

“Non podemos consentir que se sacrifique o noso mar e se continúe agredindo a un sector pesqueiro que representa –no seu conxunto- 5% do PIB galego e, polo tanto, un sector motor económica e social de comarcas enteiras da Galiza” afirma con contundencia. A Galiza, recorda, é a primeira potencia pesqueira do Estado e unha das primeiras da Unión Europea cunha frota de preto de 4.200 embarcacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG