Senado

Da Silva (BNG) require ao Goberno “non ser cómplice” do modelo extractivista que representa a mina de Doade

Carme da Silva no Senado
Carme da Silva no Senado

Carme da Silva exixe ao Ministerio rexeitar novamente este proxecto: con alto impacto ambiental, sen valor engadido para a Galiza e ao servizo da industria armamentística

O Secretario de Estado lanza a pelota no tellado da Xunta de Galiza –competente en materia mineira- e mostra preocupación ante a súa negativa por considerar que todas as alegacións presentadas ao proxecto son “persoas non interesadas”

A senadora do BNG, Carme da Silva, reclama ao Secretario de Estado de Enerxía do Goberno do Estado non promover nin ser cómplice do modelo extractivista que representa a mina de litio de Doade e demanda explicacións claras sobre os seus impactos ambientais, sociais e industriais na Galiza. A organización nacionalista exixe rexeitar este proxecto mineiro onde –tal e como acontece noutros casos- existen un enorme impacto e os beneficios non repercuten no País.

Da Silva denuncia durante a súa pregunta a campaña propagandística da empresa promotora do proxecto: “‘Doade: unha mina sustentábel con impacto positivo. A mina de Doade extraerá minerais para mitigar o cambio climático’. Así comeza a propaganda do grupo aragonés Samca sobre a mina de Doade”. Para a senadora, a imaxe presentada “é tan idílica que parece un balneario de luxo no canto dunha explotación mineira”, ocultando os verdadeiros efectos dunha explotación mineira.

O BNG lembra que xa no ano 2020 o proxecto foi rexeitado polas súas afeccións aos acuíferos, algo que contradí o discurso actual da empresa. “No ano 2020 o intento de abrir esta explotación foi denegado polas afeccións aos acuíferos; nese momento o impacto non era tan positivo” recorda.

A senadora nacionalista critica o papel das institucións europeas e dos gobernos galego e estatal, asegurando que “Bruxelas e as empresas mandan, e a Xunta e o Goberno español obedecen para explotar litio na Galiza”, após declarar este proxecto como estratéxico pola Comisión Europea en 2025.

Na súa intervención, Carme da Silva puxo en dúbida que o verdadeiro obxectivo deste tipo de proxectos sexa a transición ecolóxica. “O obxectivo da Unión Europea non é descarbonizar o automóbil” afirma, engadindo que se está a apostar por “un modelo de minería extractivista que arrasa o territorio para obter materiais necesarios para reforzar a industria armamentística e de defensa, prioritaria nestes momentos para a UE”.

“Vai seguir sendo o Goberno, e o Ministerio de Transición Ecolóxica, cómplice destas decisións e permitir o destrozo ambiental que supón a explotación da mina de Doade?”. Así mesmo, Carme da Silva tamén pregunta: “Onde se vai transformar ese mineral de litio?” e “Cantas plantas de transformación hai na Galiza?”, pregunta Carme da Silva, lembrando que “en Galiza xa sei que ningunha”.

Para o BNG, a mina de Doade reproduce un modelo xa coñecido noutros proxectos mineiros, como o de Touro, no que os beneficios non repercuten no país mentres se socializan os impactos ambientais e territoriais.

A senadora apoia as súas críticas no propio Estudo de Recursos Mineiros da Galiza da Xunta, que recoñece que “é moi importante incidir na implementación de procesos de refinado que permitan obter o produto final na Galiza”, e pregunta que proxectos industriais reais existen asociados á mina: “Que proxectos industriais vinculados á explotación desta mina hai na Galiza?” e “Onde estará a fábrica de baterías de litio?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG