A senadora do BNG, Carme da Silva, urxe a Ministra de Seguridade Social a aprobar “de inmediato” a exención de cotas para as mariscadoras galegas afectadas pola grave crise do sector, garantindo ademais o mantemento da alta e de todos os dereitos laborais e anos de cotización.
Durante a súa intervención na sesión de control ao Goberno no Senado, a representante do BNG sinala a situación límite que atravesan máis de 3.000 mariscadoras galegas como consecuencia da mortaldade extrema de bivalvos provocada pola sucesión de temporais, unha situación que mantén a actividade practicamente paralizada e a milleiros de traballadoras sen ingresos.
“As mariscadoras galegas non poden esperar máis. Necesitan certezas, non anuncios de futuras emendas nin promesas sen prazos nin garantías. Precisan saber cando e como sen vai aplicar a exención de cotas” reclama Carme da Silva Méndez.
A senadora do BNG insiste en que as medidas urxentes que demanda o sector non poden quedar condicionadas a tramitacións parlamentarias que continúan demorándose, e reclama ao executivo estatal unha resposta inmediata mediante acordo do Consello de Ministros e Ministras e a súa publicación no BOE, con efectos retroactivos.
“Son mulleres bravas e traballadoras que merecen respecto. Traballan en condicións durísimas e só exixen o que é de xustiza: exención de cotas e garantía dos seus dereitos laborais” afirma a senadora do BNG durante a sesión de control.
Carme da Silva Méndez advirte ao Goberno español que debe actuar ante unha crise “sen precedentes” no marisqueo galego e non abandonar o sector nun momento crítico. Neste sentido, reclama ao executivo “non actuar como a Xunta de Galiza, que está esnaquizando intencionadamente o sector tradicional”.
A formación nacionalista subliña que a prioridade é ofrecer unha solución inmediata ás traballadoras do mar, asegurando tanto a suspensión das cotas á Seguranza Social, mantendo a situación de alta, como a protección íntegra dos seus dereitos sociais e laborais mentres dure o paro forzoso da actividade.