Comunicado de Esquerra Republicana, EH Bildu e BNG sobre a presentación conxunta dunha Proposición de Lei para a recuperación e ampliación dos dereitos laborais

Foto forzas soberanistas
Foto forzas soberanistas

As forzas políticas que subscribimos este comunicado apreciamos como necesaria e urxente a recuperación e ampliación de dereitos sociais e laborais ausentes na lexislación vixente. En especial, cuestións básicas e prioritarias relativas á protección fronte aos despedimentos e ao combate contra a precariedade no ámbito do traballo.

Constatamos que non se derrogou a maior parte dos aspectos introducidos polas reformas laborais de 2010 e 2012 e consideramos que a última modificación lexislativa, aprobada polo goberno en data 28 de decembro de 2021 mediante Real Decreto-lei 32/2021, omitiu varios dos ámbitos que resultaba imprescindible emendar. Por este motivo e co fin de complementar a devandita iniciativa lexislativa do goberno, con total vontade de colaboración con todos os actores que compartan a aspiración de garantir mellores dereitos aos e as traballadoras, rexistramos a presente Proposición de Lei.

O noso obxectivo é transformar o mercado de traballo e, con el, as condicións de vida das persoas traballadoras. Para tal finalidade, mentres os nosos países non alcancen a plena soberanía, traballaremos para construír un novo marco xurídico no estado que sexa realmente garantista cos dereitos laborais de todos os e as traballadoras e respectuoso coa realidade socioeconómica e sindical das nacións que compoñen o estado.

Esquerra Republicana, EH  Bildu e BNG expomos nesta proposta, entre outras modificacións: un aumento das indemnizacións, a modificación das causas de despedimento, a recuperación dos salarios de tramitación, a  re instauración da autorización administrativa en caso de despedimento colectivo, novas medidas para combater a precariedade, a parcialidade e a inestabilidade no traballo, modificacións no ámbito da subcontratación para unha equiparación real de dereitos e unha fortalecemento da negociación colectiva.

Esta iniciativa constitúe unha plataforma que debe servir, a criterio dos propoñentes, como punto de partida dun proceso amplo de debate, negociación e acordo entre os distintos axentes sociais, sindicais e políticos. A iniciativa exposta aspira a resultar compatible e non excluínte cos proxectos anunciados polo ministerio de traballo e economía social. O noso propósito é a consecución dun acordo social e parlamentario que permita aprobar unha nova Lei ambiciosa e efectiva que dea resposta ás demandas das persoas traballadoras en materia de lexislación laboral.

Por todo iso, facemos un chamamento ás deputadas e deputados do Congreso para que se configure novamente unha maioría ampla co concurso dos partidos que forman parte do goberno e das forzas soberanistas e de esquerda. Entre todas, debemos posibilitar a tramitación parlamentaria desta Proposición e, con ela, o inicio do novo proceso de debate, negociación e acordo para a recuperación e ampliación dos dereitos laborais do conxunto das persoas traballadoras do estado.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG