Comunicado da Executiva Nacional do BNG sobre a decisión do Tribunal Constitucional

Tribunal Constitucional (Foto: Wikipedia)
Tribunal Constitucional (Foto: Wikipedia)

Diante da decisión do Tribunal Constitucional de paralizar a tramitación parlamentar da reforma da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional (LOTC) a instancias dunha petición de amparo do Partido Popular, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego quere expresar:

 

  1. A nosa máis firme oposición a tal decisión que consideramos incompatíbel cun sistema democrático. Para o BNG é absolutamente intolerábel a intromisión deste Tribunal no poder lexislativo que supón, na práctica, un intento de golpe xudicial contra o mesmo. Trátase dun feito de extrema gravidade, tanto polo precedente que crea como polo fondo político ao que responde.
     
  2. Aínda que é a primeira vez que o Tribunal Constitucional paraliza a tramitación dunha norma nas Cortes, non é a primeira vez que actúa nesa dirección. O BNG, no seu día xa condenou enerxicamente a actuación dese alto tribunal contra o Parlament de Catalunya, e advertimos do grave precedente e das consecuencias que tería a futuro, non só para Catalunya.
     
  3. O Tribunal Constitucional tense atribuído o papel de intérprete supremo da Constitución. As súas decisións condicionaron en moitos casos a evolución do marco institucional, optando por impor unha visión centralista afastada da realidade plurinacional do Estado. A súa intervención vén marcando, a través do ditado de sentenzas que revisaron e condicionaron, a aplicación e interpretación de leis emanadas polas asembleas lexislativas onde reside a soberanía popular. En vez de cumprir coa súa función de intérprete das lagoas e ambigüidades do texto constitucional, erixiuse como un actor máis da escena política. Esa desviación do seu papel agudizouse, pois até o de agora a súa intervención viña dada despois de que outros poderes democráticos adoptasen, en exercicio da súa lexitimidade e competencia, as decisións que lles corresponden, a través dunha función revisora e interpretativa. Agora asumiu un papel activo, intervindo e impedindo o exercicio da actividade lexislativa por parte de representantes directos da cidadanía, limitando así o que se pode debater e votar no marco das institucións representativas.
     
  4. Para Executiva Nacional do BNG estes acontecementos poñen de manifesto o carácter regresivo da arquitectura institucional do estado español. Este acordo do Tribunal Constitucional está inxerido nunha crise institucional enmarcada nunha fonda degradación e descrédito social dos principais piares institucionais do estado no que a instrumentalización partidaria da xustiza e a xudicialización da política están a ser unha constante.
     
  5. Mostra do nivel desa degradación é o feito de o Tribunal Constitucional decidir contra unha norma que modifica o seu funcionamento, que o faga con dous dos seus maxistrados cun mandato caducado, recusados e que chegan a votar en contra da súa propia recusación.
     
  6. O BNG fai un chamado ao resto de forzas soberanistas e democráticas a facer fronte común contra o que supón unha profunda involución en termos democráticos.
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG