Comunicado da Executiva Nacional do BNG ante a cimeira da OTAN que decorrerá o 29 e 30 de xuño en Madrid

Deseño sen nome(32)
OTAN non!

Ante a realización da cimeira da OTAN en Madrid, os vindeiros 29 e 30 de xuño, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), reunida en Compostela o 27 de xuño de 2022, quere manifestar:

  1. Consideramos un erro que o goberno español se ofrecese voluntario para acoller a cimeira da OTAN en Madrid. O estado español vólvese mostrar ao mundo como seguidista da doutrina internacional norteamericana e submiso aos intereses da organización militar máis grande do planeta, que se reúne para se rearmar metafórica e literalmente, xa que un dous elementos chaves desta cimeira será o aumento do gasto militar dos estados membros para sufragar o seu novo “concepto estratéxico”.

    Por outra banda, parécenos terribelmente trabucado, nun contexto de grandes necesidades, gastar máis de 37 millóns de euros públicos para a organización dun encontro de dous días destas características.
  2. A OTAN avoga por unha escalada militar (de que non exclúe as armas atómicas) que a converte nunha grave ameaza para a seguranza e paz mundiais. A historia demostra que a OTAN non é unha organización de defensa senón de ataque. A OTAN debera ser tan só unha lembranza da Guerra Fría. Porén, pasada esta, a OTAN non só non desapareceu, senón que continuou a súa expansión até o punto de duplicar os seus membros nas dúas últimas décadas así como asinar tratados militares con máis de 40 países (Colombia, Israel ou Arabia Saudí, entre outros). Ao longo destas décadas, a OTAN foi causante directa de centos de milleiros de persoas mortas, feridas e refuxiadas con actuacións especialmente cruentas en países como Serbia, Irak, Afganistán ou Libia.
     
  3. O BNG está radicalmente en contra do compromiso adquirido por Pedro Sánchez de incrementar até o 2% do PIB español en gasto militar (24 mil millóns de euros). O goberno de PSOE e Unidas Podemos vén de aprobar a compra de 20 cazas de combate por un importe de 2.034 millóns de euros cando só gastou 800 millóns de euros a través do cheque-axuda de 200 euros para as persoas que máis están a sofrer a crise de prezos. O BNG non comparte esa escala de prioridades e avogamos por todo o contrario: non só non ampliar o gasto militar senón proceder a súa paulatina diminución.
     
  4. Parécenos un erro que a prioridade para o goberno español a respecto de Ceuta e Melilla sexa a súa “protección” por parte da OTAN, cando a súa máxima preocupación debera ser a protección dos dereitos humanos nesa fronteira. Nese sentido, reiteramos a nosa máis enérxica condena ás palabras do Presidente Pedro Sánchez de apoio á inhumana actuación das forzas de seguranza marroquí contra poboación civil e que se saldaría así como o unilateral cambio de posición deste goberno a respecto do Sahara.
     
  5. O BNG é unha organización pacifista contraria á guerra e ao aumento da escalada militar a nivel mundial. Nese sentido defendemos unha neutralidade activa do Estado español en calquera tipo de conflito bélico e unha aposta decidida polo diálogo, a diplomacia e a resolución pacífica dos conflitos. Consecuentemente co anterior, o BNG defende a saída do Estado español da OTAN.
     
  6. Así mesmo denunciamos a presenza e actuación da OTAN na Galiza, a comezar polo porto de Ferrol catalogado como “Porto OTAN” ou outras instalacións galegas empregadas de xeito puntual ou reiterada durante operacións e adestramentos vinculados coa OTAN como a estación naval da Graña (Ferrol), o escuadrón de vixilancia aérea do Monte Iroite (na confluencia dos concellos de Boiro, Porto do Son e Lousame), a base da BRILAT de Figueirido ou a base naval de Marín, a realización de adestramentos aéreos e marítimos ao norte das Sisargas e a leste das Ons ou o uso do aeródromo militar da Lavacolla (Compostela) como base loxística, de reabastecemento e punto de entrada da aviación estadounidense e canadiana na Europa. E mesmo do aeródromo de Rozas (Castro de Rei), no ámbito de investigacións, probas e adestramentos de drons militares.

Non á guerra!, Non ao imperialismo! Non á OTAN!

Si á Paz, Si á xustiza social, Si á liberdade dos pobos!!

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG