A Comisión de Peticións reabre a demanda sobre as rías do Burgo e Vigo grazas á presión social e a do BNG

Comisión (Foto: Delmi Álvarez)
Comisión (Foto: Delmi Álvarez)

A eurodeputada Ana Miranda critica os intentos de pechar o informe sen executar as recomendacións europeas de saneamento integral 

A Comisión de Peticións reabre a demanda sobre as rías do Burgo e Vigo grazas á presión social e a do BNG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, cualifica de “gran éxito” para Galiza que a Comisión de Peticións reabra a petición sobre as rías de Vigo e o Burgo grazas a insistencia e os peticionarios e do propio BNG “porque non se cumpriron os obxectivos marcados no informe elaborado en 2013 despois da visita que realizou unha delegación de eurodeputadas e eurodeputados ás zonas afectadas”.

“Cinco anos despois vénsenos a dicir á Comisión de Peticións que custa moito dragar unha ría, iso xa o sabiamos”, sinalou Ana Miranda en referencia aos eurodeputados do PP e do PSOE, quen coincidiron en sinalar os avances no saneamento que se produciron desde 2013 malia recoñecer as dificultades para retirar os lodos da ría do Burgo. “Non se pode seguir tendo así a ría do Burgo ou alardear de que a de Vigo está totalmente depurada cando o tratamento de augas pluviais é deficiente.

Precisamente esta reapertura prodúcese tras as explicacións ofrecidas por Serxio Regueira, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo “Cíes”, e de Felipe Canosa, patrón maior da Confraría da Coruña, quen tras agradecer a posibilidade de participar na Comisión de Peticións da Eurocámara, expuxeron a situación de Vigo e da Coruña. Ao respecto, a presidenta da Comisión de Peticións, Cecilia Wikström recoñeceron que os peticionarios achegaron nova información sobre as deficiencias sobre o saneamento en Galiza.

“Temos a obriga de traer este problema aquí e denunciar a falta de vontade dos gobernos locais, autonómicos e do Estado de solucionalo”, destacou Felipe Canosa, quen asegurou que no informe do 2013 “instábase ao goberno de España a levar a cabo o saneamento integral da Ría do burgo, pero ese saneamento integral non foi levado a cabo e por iso nos vemos obrigado a traelo de novo aquí”. Esta falta de saneamento provocou a tremenda diminución da actividade extractiva e a conseguinte perda de postos de traballo.

O patrón maior da Coruña destacou asemade os cinco anos transcorridos desde a elaboración do informe. “Parece tempo máis que suficiente para ter saneada a ría do Burgo e retirados os lodos”

Pola súa banda, Serxio Regueira amosou con imaxes algúns dos vertidos que se están producindo actualmente na ría de Vigo, “os mesmos que hai dez anos”, segundo sinalou, ao que engadiu que “as recomendacións do informe non se están cumprindo”. Malia que admitiu que en Vigo se construíu unha nova depuradora, con capacidade para 800.000 habitantes, “o problema é que non se tiveron en conta as canalizacións que levan a auga á depuradora”.

Procedemento

A eurodeputada do BNG explicou que, tras a reapertura do informe, a Comisión de Peticións ten que dirixirse ao goberno español, ao goberno da Xunta e ás autoridades locais “para ver como está o saneamento e as recomendacións que se fixeron desde o Parlamento Europeo”. Neste sentido sinalou que nun mes, aproximadamente, na Comisión de Peticións de marzo “teremos unha resposta e en función disto seguiremos achegando información”.

Tentativas para pechar o informe

Ana Miranda criticou as tentantivas do PP para pechar o informe, “nada novo” segundo sinalou xa que xa no 2013 se quixeron opoñer a que se fixeran as recomendacións. “Eles que non pisan o terreo atrévense a dicir que vimos a politizar esta cámara. Que eu saiba o Parlamento Europeo é un parlamento político no que temos dereito a defender á cidadanía e aos peticionarios que levan desde o 2010 pelexando por este tema”, subliñou. 

“Tendo en conta as informacións achegadas polos peticionarios e as novas que se poidan achegar, non é fácil que se peche a petición en mes e medio”, sinalou Ana Miranda ao respecto. No tocante ao orzamento asignado, a eurodeputada nacionalista sinalou que “polo momento, o consignado nos orzamentos do Estado no caso da ría do Burgo é de 8 millóns de euros “e non os 24 millóns aos que se refería o eurodeputado socialista”. 

Valoración desde A Coruña e Vigo

Por parte de Francisco Jorquera e Avia Veira, do BNG de Coruña, e de Xabier Pérez Igrexas, do BNG de Vigo, cualificouse de “moi boa nova” a reapertura do informe, ademais de agradecer o traballo realizado polas plataformas das rías, dado o seu valor produtivo, medioambiental e paisaxístico.

A delegación galega no seu conxunto valorou moi positivamente a sensibilidade da presidenta da Comisión de Peticións, Cecilia Wikström, ao recoñecer que os peticionarios achegaron novas informacións, tanto sobre a ría do Burgo como do funcionamento da depuradora de Vigo “polo que non é posible pechar a petición”.