Carmela González: "Unha vez máis o PP dá as costas á automoción de Vigo"

Carmela González
Carmela González

A deputada nacionalista defende no Parlamento crear unha Mesa Galega da Automoción e un Plan para encarar os retos derivados da transición enerxética e a escaseza de compoñentes

 

 

Carmela González: "Unha vez máis o PP dá as costas á automoción de Vigo"

A deputada do BNG, Carmela González defendeu, a través dunha proposición non de Lei, crear unha Mesa Galega da Automoción integrada polas forzas sindicais, as tres universidades e a Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia, CEAGA, e un Plan para marcar as directrices da política industrial galega.

Carmela González lamentou que o PP vetara a proposta para que a “Xunta e o sector da automoción lideren o sector” e ao tempo reforzar o peso político do Goberno galego ante o Goberno do Estado.

A deputada recalcou que o sector da automoción galega, e nomeadamente a viguesa, está nunha grave deriva e criticou o “inmobilismo” das políticas do PP ante a transición do vehículo de combustión ao vehículo eléctrico e os retos que comporta.

Para a deputada, o goberno debe trazar “unha folla de ruta” para garantir o futuro da automoción e non pode permanecer “na pasividade” creando aínda máis incertezas no sector.

As paradas continuadas ante a falta de compoñentes durante a pandemia e que continúan producíndose na actualidade, explicou Carmela González,  son unha mostra evidente da “falta de políticas de futuro” e lembrou que Stelllantis anunciou novas paradas durante os meses de maio e xuño coa actividade do 30% de produción na factoría en dúas liñas da factoría . Estas paradas, dixo producen “efectos moi negativos para a empresa matriz” e afecta, en grande medida, á industria auxiliar porque a excesiva dependencia dun único produtor arrastra a parar a toda a industria cando a empresa matriz para.

Unha situación, indicou, que  prexudica gravemente aos traballadores e traballadoras que ven como en cuestión de horas a súa actividade e horarios mudan tendo que vivir pendentes dun teléfono e sen  conciliación  familia.   

O persoal da automoción, insistiu a deputada, vive “nunha grande precariedade” e cominou á Xunta a reunirse co “sector,  empresas, universidades e concello de Vigo” para buscar solucións reais. Ao seu xuízo, crear unha Mesa Galega de Automoción, con todos os axentes implicados, facilitaría exercer unha maior presión ante o goberno do Estado en Madrid. Pedimos “peso político da Xunta” para reclamar ao goberno central “políticas de emprego e apoio ao sector”. A Xunta ten competencias para despregar plans e, neste sentido, volveu a reclamar a Mesa Galega da Automoción.

Tras a intervención da portavoz do Partido popular, Teresa Egerique,  a deputada do BNG preguntou cantas entrevistas e reclamacións demandou o vicepresidente Segundo  e conselleiro de Economía e Empresas ante o goberno do Estado, “ningunha” respondeu.

A deputada do BNG tamén  lembrou que o propio  conselleiro  respondía ao grupo nacionalista  que enviara unha carta ao goberno do Estado pero hoxe, dende o BNG, remarcou Carmela González pedimos  un acordo para crear a Mesa de Automoción, “imprescindible” para marcar as directrices do sector e impulsar o “peso político galego  en Madrid”.

A nacionalista criticou a “teima” da Xunta para non reunirse co sector,  sindicatos,  empresas, universidades, centros de formación, Zona Franca e concello de Vigo e desmentiu a deputada Egerique ao afirmar que xa existe esa comunicación. “Non existe unha Mesa en marcha para reclamar e conseguir solucións ante Madrid”. O Partido popular négase sistematicamente a que esta iniciativa sexa posible por unha única razón, por que a solicita o Bloque Nacionalista Galego.

A deputada, lamentou a falta de apoio do PP á proposta do BNG e preguntou quen son realmente “os do NON”.

Carmela González  puntualizou que a iniciativa aprobada en pleno instaba á Xunta a dirixirse ao goberno do Estado a facer o que sexa preciso para paliar a situación da automoción pero a defendida hoxe polo  BNG insta á Xunta a crear a Mesa Galega de Automoción, tomar medidas políticas  e “ir a Madrid a defender ao sector”.

Son necesarias políticas industriais e de emprego e a Xunta ten competencias para levalas adiante, concluíu.

 

Carmela González: "Unha vez máis o PP dá as costas á automoción de Vigo"