Carme Núñez: “No BNG queremos que Tui marque a diferenza cun modelo alternativo de cidade”

IMG-20190329-WA0009
Presentación Tui

O BNG presentou hoxe aos compoñentes da lista ás eleccións municipais en Tui da man da alcaldesa de Tomiño Sandra González e da cabeza de lista ao Congreso para as Xerais, Carme da Silva   

“No BNG queremos que Tui marque a diferenza cun modelo alternativo de cidade que lle dea prestixio ao concello”. Así o manifestou hoxe a candidata do BNG á Alcaldía de Tui, Carme Núñez, no acto de presentación dos compoñentes da lista ás eleccións municipais, asegurando que o proxecto nacionalista para a vila pretende acadar “un concello para vivir, dinámico, consciente do seu potencial e orgulloso da súa identidade e situación privilexiada”. 

Núñez afirmou que a experiencia “dinos que os concellos onde goberna o BNG marcan a diferencia e son modelos de prestixio, como acontece con Tomiño ou Pontevedra”, aludindo á presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e da candidata ás xerais e tenente de alcalde en Pontevedra Carme da Silva, que estiveron presentes no acto. 

Presentación TuíA candidata a alcaldesa apostou por poñer en valor o patrimonio do Concello de Tui, potenciar o ARI da cidade histórica e reverter o seu deterioro, aproveitando a rehabilitación do Teatro Principal como foco revitalizador ademais de potenciar o patrimonio das parroquias, creando espazos públicos de calidade e no que a veciñanza poida convivir.

Outra aposta do BNG de Tui, dixo a nacionalista, será o respecto ao medio ambiente, mellorando a recollida selectiva dos residuos, o coidado das praias, sendas e a colaboración coas comunidades de montes, apostando pola multifuncionalidade e a loita contra o lume. “Algo moi importante para nós será impulsar a participación veciñal, axudando ós distintos colectivos e que sexa a veciñanza a que canalice as prioridades”, engadiu tamén Núñez.

A candidata quixo lembrar o traballo realizado polo BNG no Concello nos dous anos no que foi responsable das áreas de Patrimonio, Medio Rural, Participación, Limpeza e Medio Ambiente “sen escándalos, sen griteríos, con moito traballo e dedicación”. Subliñou que “no BNG merecemos unha oportunidade de tentar mellorar a vila” fronte aos 20 anos “desastrosos” dos gobernos do PP “sen facer nada” e dos que están a gobernar o concello agora “que non son capaces”.

Núñez finalizou a súa intervención presentando á candidatura completa do BNG en Tui, conformada por Carme Méndez, Xosé Martínez Tato, Ernesto Cañedo, Alexandre Negro, Ana Belén Bernández, Miriam Rodríguez, Rosalía González, Tomás García, Miguel Ángel Martínez, André Vidal, Ramón López, María Yria Nogueira, Ismael Alonso, Alfonso González, María de los Ángeles Tienda, Carmen Pérez e Juan Nogueira.

“O único voto útil nas xerais, o do BNG”

A cabeza de lista por Pontevedra ás Xerais, Carme da Silva, aproveitou a súa intervención para poñer en valor o traballo feito no Concello de Tui por Carme Núñez e Xosé Martínez Tato. “En Tui notouse moito cando estaba no goberno o BNG e moitísimo máis cando non estivo. Animamos a Carme a que pelexe para dirixir o goberno municipal deste concello, que tanto merece un goberno á altura das súas necesidades”, dixo. 

Da Silva destacou que Tui está nunha situación xeográfica dentro da Galiza absolutamente privilexiada xa que “non é a vila que nos separa de Portugal, senón a que nos une a Portugal, na beira do Miño, que é unha grande arteria entre ambos países” e apostou por traballar para conseguir que o que nestes momentos son “atrancos” se convertan en beneficios”.

A candidata ás xerais subliñou que un dos principais atrancos que existe a día de hoxe para o desenvolvemento de Tui é a portaxe da AP-9. “Hai que eliminar esa portaxe, porque a AP-9 é o eixo de comunicación da Galiza e a unión co país veciño, co que temos tanto en común e co que temos grandes sinerxias que sacarían o enorme potencial do país para desenvolver os sectores produtivos”, dixo.

“Pedimos a confianza de veciños e veciñas de Tui, coa esperanza de que este país ten futuro se o cremos e somos nós quen tomamos as decisións e somos nós quen poñemos as nosas necesidades enriba da mesa”, asegurou, para salientar que as forzas políticas estatais demostraron na pasada lexislatura que non o van facer. “Nin o PP, nin o PSOE, nin Podemos nin a Marea”, puntualizou, “viuse nos orzamentos e cada vez que hai que tomar unha decisión que afecta a Galiza: O único voto útil para Galiza é o do BNG, para que a axenda das necesidades do país estea realmente nas Cortes do Estado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG