Carme da Silva: “O Val Miñor precisa do BNG no Congreso para reivindicar a recuperación do seu estuario”

Presentación Nigrán
Presentación Nigrán

A cabeza de lista destaca a potencialidade ambiental e marisqueira da zona e a necesaria rexeneración das rías e da fronte litoral galega 

“O Val Miñor precisa do BNG no Congreso para reivindicar a recuperación do seu estuario”. Así o indicou hoxe a cabeza de lista do BNG ás elección xerais do 28 de abril, Carme da Silva, nun acto celebrado en Nigrán, onde destacou as potencialidades ambientais, turísticas e marisqueiras da Foz do Miñor, ao tempo que criticou o ‘ninguneo’ das forzas políticas estatais ás necesidades e reclamacións da veciñanza da zona.

Da Silva destacou a necesidade de apoiar a xestión e ampliación das áreas protexidas da rede Natura 2000 especialmente no medio mariño, como acontece na desembocadura do río Miñor, o río Groba e o río Belesar​. Recoñeceu que o desenvolvemento da zona está truncado pola contaminación, sendo inviable a explotación marisqueira pola denominación como zona C, e destacou que é preciso dispor dunha rede equipada de bases de loita contra a contaminación do medio mariño ao longo de toda a costa galega. 

Subliñou, de feito, que o BNG levará ao Congreso a voz da veciñanza do Val Miñor para reivindicar a recuperación ambiental do estuario e lembrou que a demanda dun proxecto de rexeneración foi desatendida ata o de agora tanto polo goberno do PP como polo goberno do PSOE co apoio de Podemos e En Marea. “Só se o BNG está Galiza poderá ter voz propia”, dixo.

Da Silva tamén lembrou que o BNG reclamará a transferencia da AP-9 e a gratuidade da peaxe, tal e como o Estado acaba de aceptar para a AP-68 e o goberno de Euskadi. Neste sentido, asegurou que a última lexislatura serviu para demostrar que todas as forzas estatais faltaron ao respecto ao noso país. “Está claro que galegas e galegos non podemos confiar nas forzas estais ás que só lle interesa este país para conseguir votos, e que despois abandonan e desatenden todo aquilo este país necesita. Hai cartos para rescatar as radiais madrileñas. Dáselle o visto bo á transferencia da AP-68 a Euskadi… Pero a transferencia da AP-9 segue no caixón. PP e PSOE –coa conivencia de Podemos e Marea- amosáronse como dúas gotas de auga con respecto a Galiza “, destacou, apoiando tamén a eliminación da peaxe na AG-57 á Xunta de Galicia.

Da Silva finalizou a súa intervención en Nigrán asegurando que o próximo 28 de abril o “voto útil” será o do BNG, xa que demostrou que sempre que estivo no Congreso dos deputados defendeu os intereses de galegos e galegas. “Nótase que cando o BNG está, Galiza está. E neste escenario onde non vai haber maiorías absolutas, dous ou tres representantes do BNG marcarán a diferencia para que os orzamentos do Estado atendan as necesidades de Galiza”.

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra ao Congreso realizou estas declaracións en Nigrán no acto de presentación da candidatura nacionalista ao Concello. Alí arroupou a Xavier Rodríguez, quen salientou a aposta do BNG municipal por un “Nigrán verde e con identidade” para o que a recuperación da Foz do Miñor é unha prioridade.

Rodríguez subliñou tamén a importancia de potenciar dende o Concello unha política social de vivenda que manteña á xente moza no municipio, a atención social á veciñanza e a creación dun centro de día en Paxón, ou a creación dunha rede de parques forestais coa cooperación das comunidades de montes. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG