xerais 2023

Carme Da Silva pide o voto “rebelde, inconformista e de país” para o BNG co fin de defender Galiza e parar ao PP de Feijóo

Acto Nigrán
Acto Nigrán
A cabeza de lista para o 23X destacou hoxe en Nigrán que o Bloque leva no seu ADN a defensa do ambiente e da Foz do Miñor 

A cabeza de lista do BNG para as eleccións xerais do 23X Carme da Silva pediu hoxe en Nigrán o voto “rebelde, inconformista e de país” para o BNG asegurando que é un ‘2x1’ porque vale para defender Galiza e parar ao PP de Feijóo que vai de ganchete coa ultradereita de VOX.

Acompañada das tamén candidatas ao Congreso Brais Ruanova e Manuela Rodríguez, á candidata ao Senado Yasmina Moreira e ao portavoz municipal en Nigrán Xavier Rodríguez, asegurou que nestes catro anos quedou claro que un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 22 restantes das forzas estatais, “que nada fixeron máis que discriminarnos”.

Da Silva insistiu en que Galiza debe saír da irrelevancia política á que a condenan os partidos centralistas “e pelexar polo noso” como fan os partidos vascos e cataláns da man dun grupo galego forte que condicione as políticas do estado.

Salientou que na Galiza “sabemos moi ben quen é o candidato do PP, como e para quen goberna”, lembrando a súa herdanza tras trece como presidente da Xunta con “menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos sectores produtivos, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques a nosa lingua e a nosa cultura”.

A nacionalista chamou á xente a votar coa cabeza e o corazón para “acercar a toma de decisións” e ter da man do BNG unha formación política que defenda os intereses do país “co seu centro de gravidade en Galiza” e na que “poder dar toda a confianza porque nunca defraudou”. Un BNG “determinante en Madrid”, destacou a nacionalista, terá capacidade para poñer os problemas do país, nomeadamente do Val Miñor –dixo- na axenda do Estado, e reivindicou a necesidade dunha axenda propia para a comarca no Congreso.

Falou a candidata de infraestruturas, da necesaria conexión ferroviaria de proximidade Vigo-Viana do Castelo, e como non podía ser doutro xeito, tamén da transferencia a Galiza da AP9, para a que dixo xa se conseguiu a rebaixa do 50% coa presión dun deputado, pero salientou que é preciso seguir a traballar ata “que sexa pública, galega e libre de peaxe”. Manifestou a súa ‘sorpresa’ polas declaracións de Ana Pastor dicindo que o PP desbloqueará na vindeira lexislatura a transferencia a Galiza.

“Hai que ter cara, moita cara, porque tanto o PP votan a transferencia no Parlamento de Galiza, e cando chegan ao Congreso, cando goberna o PP a veta o PP, e cando goberna o PSOE, veta o PSOE. Levamos así varias lexislaturas coa transferencia vetada polo bipartidismo. Por iso é preciso ter capacidade de decisión. A AP9 é galega, xa a pagamos as galegas e galegos moitas veces. É de xustiza que sexa galega e libre de peaxe”, insistiu. Tamén aproveitou para deixar en evidencia a Feijóo, quen no cara a cara con Sánchez preguntou se vai facer pagar polas autovías estatais mentres no Val Miñor mantén con peaxe a A-57 autonómica, imposibilitando o seu uso por boa parte da cidadanía e persoal transportista debido ao seu alto custe.

Por outra banda, Da Silva reivindicou hoxe ao BNG en Nigrán como unha formación garantía do ambiente e da recuperación de espazos naturais atacados. Neste sentido,  comprometeuse a tomar as medidas necesarias no Congreso co fin de conseguir a completa rexeneración de todo o espazo natural da zona húmida de marisma formada polos ríos Miñor, Groba e Belesar que verten de forma conxunta á enseada de Baiona, na ría de Vigo.

Destacou que e precisa a ordenación dos recursos, a eliminación dos impactos paisaxísticos, a minorización de impactos inevitables, a eliminación da contaminación, a restauración da zona marisqueira, a ampliación da área da Rede Natura, e a restauración da calidade da auga e das beiras e do bosque de ribeira na Foz do Miñor, sen consentir degradacións por intereses especulativos. Salientou a necesidade de que os espazos de costa sigan sendo un ben público, sen aceptar intentos de privatización.

No mitin comarcal estivo tamén presente o tamén candidato ao Congreso Brais Ruanova, quen centrou a súa intervención na necesidade de políticas para a mocidade, nomeadamente en materia de vivenda, que no Val Miñor está a supoñer un problema co alto número de vivendas turísticas. “As mozas e mozos de Baiona non só queremos vivir aquí de setembro a maio”, salientou.

A tamén candidata Manuela Rodríguez, pola súa banda, lembrou a importancia de reivindicar unha mellora nas coberturas de internet na comarca “cunha velocidade deste século”, mentres que a candidata ao Senado Yasmina Moreira centrou o seu discurso nas políticas feministas do BNG que porán o freo ás políticas machistas da dereita e a ultradereita. “A violencia machista existe e mata, intentar negala, intentar invisibilizala é unha indecencia “, finalizou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG