Senado

Carme da Silva denuncia o intento do PP de retrasar a implantación de novos servizos ferroviarios na Galiza conseguidos polo BNG

Carme da Silva
Carme da Silva

“Por moito que o intenten, o BNG seguirá a traballar para axilizar a implantación dos servizos de proximidade ferroviaria na Galiza, tal e como recolle o Acordo de Investidura asinado polo BNG” defende Carme da Silva

As emendas do PP aprobadas no Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel negan a necesidade de eliminar a discriminación que sofre á Galiza en materia ferroviaria

“O Partido Popular trata de impedir que os servizos ferroviarios na Galiza melloren, co traballo e a presión que fai o BNG, baixo a pretensión de estendelo a todas as CA” di

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia o intento do Partido Popular de retrasar a implantación de novos servizos ferroviarios na Galiza, incluíndo os de proximidade inexistentes a día de hoxe, após a aprobación dunha emenda popular no Senado ao Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel. Carme da Silva sinala que o BNG seguirá a traballar na defensa dos intereses da Galiza e a mobilidade diaria das e dos galegos mentres que o PP intenta impedir calquera tipo de avance.

“O Partido Popular trata de impedir que os servizos ferroviarios na Galiza melloren, co traballo e a presión que fai o BNG, baixo a pretensión de estendelo a todas as Comunidades Autónomas” denuncia a senadora nacionalista en referencia a unha emenda introducida polo PP no Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel.

A emenda popular modifica unha disposición adicional que conseguira introducir o BNG durante o debate no Congreso sobre o “estudo de novos servizos ferroviarios para a mobilidade diaria na Galiza”. O Partido Popular, recrimina a senadora nacionalista, introduce esta emenda para retrasar a implantación de novos servizos de mobilidade diaria na Galiza “negando que se recoñeza expresamente a necesidade de eliminar a discriminación que sofre a Galiza en materia de transporte ferroviario. O PP non quere que o transporte de cercanías ferroviarias na Galiza apareza singularizado na lexislación”.

Grazas ao traballo e á negociación do BNG, lembra Carme da Silva, introducíase esta disposición adicional que estabelecía a obriga de elaborar, nun prazo máximo de seis meses, o estudo específico dos servizos de transporte ferroviario de proximidade na Galiza. Un labor que xa se estaba a realizar despois de que o BNG conseguise introducilo no Acordo de Investidura como unha cuestión prioritaria para rematar co déficit histórico que sofre a Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias.

“Por moito que o intenten no Partido Popular, o BNG seguirá a traballar para axilizar a implantación dos servizos de proximidade ferroviaria na Galiza, tal e como recolle o Acordo de Investidura asinado polo BNG” avanza a senadora nacionalista. Ante esta situación, a senadora do BNG avanza que a organización nacionalista votará no Congreso para que o texto volva recoller o conseguido polo BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG