xerais 2023

Carme da Silva chama a xuntar o voto de país no BNG para que Galiza conte no Congreso cun grupo galego forte

Acto Vilagarcía
Acto Vilagarcía

Destaca que cantos máis deputados teña o Bloque menos terá o PP de Feijóo

En Vilagarcía citou a axenda a defender no Congreso: transferencia do Porto, mellora da N-640 e atención ás necesidades do sector pesqueiro

Carme da Silva, a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, chamou hoxe no mitin comarcal de Vilagarcía a xuntar todo o voto de país no Bloque “para que Galiza conte no Congreso con máis forza”. A candidata subliñou que o país precisa dun grupo galego forte que, nun escenario sen maiorías absolutas, poida condicionar as políticas do estado e cubrir as necesidades de galegas e galegos que levan anos de discriminación polas forzas centralistas, salientando que cantos máis deputados teña o Bloque, menos terá o Partido Popular. “Aquí somos a alternativa real ao PP, porque máis BNG significa menos PP. Cada escano máis ao Bloque é un escano menos para Feijóo. Máis BNG é máis país, porque somos a candidatura da casa”, asegurou. 

A candidata subliñou que quedou acreditado historicamente que só se o BNG está no Congreso Galiza terá representación real. Criticou a ausencia de interese dos partidos centralistas polo que acontece no país e destacou que “o que nos xogamos é ter unha representación máis forte ou, de novo, unha procesión de caladiños’”, en relación aos deputados e deputadas pola provincia que non traballaron en favor da veciñanza galega, senón que só atenderon aos ditados de Ferraz e Génova.

Acto Vilagarcía
Acto Vilagarcía

O BNG, reivindicou a nacionalista, “é unha forza seria que resolve os problemas das galegas e dos galegos e non vai defraudar a ninguén”. Subliñou que un só deputado nos últimos catro anos conseguiu moitos avances para o país. Nomeadamente citou a rebaixa da AP9, pero subliñou que queda moito por facer, por iso instou a repetir os resultados das municipais e das galegas, nas que o BNG conseguiu ser a forza que máis subiu e a segunda do Parlamento, para acadar un grupo galego forte.

En canto a Vilagarcía, Da Silva fixo un percorrido polas reclamacións históricas a esixir no Congreso e lembrou tanto a mellora da xestión do Porto de Vilagarcía, como a seguranza viaria da N-640 ou as necesidades do sector pesqueiro, que “non están na axenda” das forzas centralistas. A cabeza de lista puxo sobre a mesa a necesaria transferencia a Galiza de todos os portos de interese xeral do país, incluído o vilagarcián, e indicou que “non poden dicirnos 600 quilómetros cara ao interior” como se deben xestionar.

Tamén fixo referencia á pesca, e destacou que o BNG esixirá en Madrid con voz forte e firme que Galiza teña status de nación pesqueira con iniciativas parlamentarias que defendan o sector galego do “saqueo e roubo” que supoñen as normativas estatais e europeas. Así mesmo, a cabeza de lista afeou ao Goberno central o estado das infraestruturas viarias na comarca e subliñou que a N-640 entre Caldas e Vilagarcía sufre un grande problema de violencia viaria.

Nin Spiderman nin Superman

O cabeza de lista ao Senado, Duarte Correa, foi tamén orador principal no mitin comarcal do Salnés, e indicou que nas eleccións “pese ao que se di, a cousa non é se gaña Spiderman ou se gaña Superman”.

Salientou en que está en xogo algo moito máis importante porque “ningún de nós votaremos por Feijóo ou por Sánchez”. “O 23 de xullo en Galiza –dixo- elixiremos senadores (16) e deputados (23), e despois os deputados e deputadas decidirán quen preside o goberno do estado. O que está en xogo é se Galiza conta con máis forza en Madrid, unha forza que permita condicionar as decisións do goberno estatal, condicionándoas en función dos nosos intereses como pobo, e das necesidades das clases populares e da maioría social”.

Maria Paz, candidata da comarca ao Congreso e concelleira en Catoira, fixo un chamado a que igual que en Catoira se conseguiu duplicar en catro anos o número de concelleiros, de pasar de tres a seis e así acadar a maioría absoluta nestas pasadas eleccións municipais, “hoxe estamos aquí con vos traballando para duplicar, triplicar, multiplicar o número de escanos do BNG no Congreso e deste xeito amplificar a voz e o poder de Galiza no Estado”. “Para que Catoira, Vilagarcía, todo o Salnés, Pontevedra se poida facer valer, necesitamos que das urnas o vindeiro 23 de xullo saia máis BNG”, finalizou.

A tamén candidata á Cámara Alta e concelleira na Illa de Arousa Elena Otero manifestou na súa intervención que “non atopo partido que defenda mais á xente do pobo, ao mar das nosas rías, e a o rural da nosa xente. O  BNG está con todos e cada un de nos cando o precisamos. Eu uninme a este partido gracias a loita encarecida que me demostrou Montse Prado pola Sanidade pública, e por conseguir un pediatra para o meu pobo, a illa de Arousa”, dixo, para pedir que “este 23 de xullo todas vaiamos coa cabeza ben alta a votar, tendo claro que a nosa compañeira Carme da Silva vai loitar por todo o que o pobo necesita”.

Finalmente, Xabier Rodríguez, portavoz municipal en Vilagarcía fixo tamén referencia ao debate televisado de onte e a intención de polarizar o voto das forzas centralistas, fronte á importancia de ter representación como país en Madrid a través do BNG para non volver caer no esquecemento.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG