xerais 2023

Carme da Silva chama a votar ao BNG por ser a única forza con lealdade exclusiva a Galiza e a antítese do PP de Feijóo

Acto O Porriño
Acto O Porriño

A nacionalista pide no Porriño que as persoas que apoiaron ao Bloque nas municipais collan a mesma papeleta “para que Galiza conte en Madrid con máis forza”

Carme da Silva, a candidata do BNG por Pontevedra ao Congreso, chamou hoxe ás persoas “inconformistas e rebeldes” do país a votar ao BNG por ser a única forza con lealdade exclusiva a Galiza e a antítese do PP de Feijóo. A nacionalista subliñou no mitin comarcal celebrado no Porriño que as persoas que apoiaron ao Bloque nas pasadas municipais deben coller a mesma papeleta o vindeiro 23X se queren que “ Galiza conte en Madrid con máis forza” e, a través dun grupo galego forte, se condicionen as políticas do estado en favor das galegas e galegos.

A cabeza de lista destacou que estas eleccións van de escoller quen representa á cidadanía galega en Madrid e non de escoller entre o “malo ou o peor” para Galiza, en referencia a Sánchez e Feijóo. Subliñou Da Silva que ante os vetos alternos do bipartidismo madrileño á transferencia da AP9 o BNG demostrou cun só deputado, Néstor Rego, ser máis eficiente para o país ao conseguir o 50% de desconto na peaxe. Os 22 deputadas e deputados restantes por Galiza, ‘a procesión dos caladiños’, dixo, amosaron reiteradamente que non atenden nin se preocupan polas necesidades galegas.

“Imaxinádesvos que poderemos facer se temos un grupo galego forte e con capacidade de condicionar? –preguntouse-. Xogámonos ter unha voz forte e potente onde se toman as decisións que nos afectan directamente. Por iso hai que votar coa cabeza e o corazón. Toda a xente que xa votou BNG nas municipais e nas galegas debe confiar de novo no BNG, no noso país, porque canto máis BNG, máis país, e o BNG non vai defraudar!”, insistiu Da Silva.

Explicou a nacionalista que en Galiza a alternativa real ao PP, a súa antítese, é o Bloque, xa que estalle a disputar escanos á candidatura de Feijóo nas catro provincias. A futura deputada criticou duramente ao ex presidente da Xunta e subliñou que “hai que ter cara” para dicir sen ruborizarse que o único que lle preocupa á xente “é ter o médico preto da casa e que as fillas e fillos non teñan que marchar para traballar”. “Dixo isto o mesmo Feijóo que desmantelou a sanidade pública galega, que deixou sen médicos os centros de saúde, e di iso o mesmo Feijóo que na Galiza fixo que máis de 200.000 mozos e mozas marcharan do país na última década porque non tiñan alternativas. Non só os deixou marchar, regaloulle as maletas coas súas políticas”, incidiu.

Outro dos temas que a nacionalista subliñou no mitin do Porriño foi a importancia de “parar o ‘timo verde’ dos proxectos eólicos en Galiza” e de que a enerxía galega reverta en beneficio dos galegos e galegas. Lembrando o proxecto da serra do Galiñeiro, subliñou que PP e PSOE van de ‘ganchete’ e aceptan “poñer todo o vento galego en mans dos grandes grupos de investimento e das grandes eléctricas”. Por iso, novamente, a nacionalista reclamou tanto mobilización social como política e instou a ter un grupo forte do BNG no Congreso en Madrid con capacidade de decisión para que se modifique a normativa que agora permite inzar de aeroxeneradores o país.

Defendeu que o BNG loitará na Cámara Baixa para que a normativa esixa que se recupere a exposición pública dos proxectos e a participación social, que haxa unha planificación das necesidades enerxéticas que ten Galiza e que se estableza en que se vai reinvestir o beneficio, así como que haxa unha tarifa eléctrica galega, “porque se producimos enerxía o lóxico é que reverta na factura doméstica e na empresarial e sirva para incrementar a capacidade industrial do país”.

Participaron tamén no mitin do Porriño Pedro Pereira, concelleiro do Bng quen falou de mobilidade e da necesaria eliminación do paso a nivel e do tren como opción de transporte colectivo e de proximidade; Alexandre  Estévez, alcalde entidade local menor de Vilasobroso, quen fixo unha mensaxe en chave comarcal; así como a concelleira de Mos Sara Samartín, quen puxo sobre a mesa a problemática da A55 pola súa alta densidade de tráfico e a súa sinistralidade.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG