Os grupos Republicano, EH Bildu, PNV, BNG Compromís e Més per Mallorca presentaron a Proposición de Lei Orgánica de Garantía do Plurilingüísmo e dos Dereitos Lingüísticos da Cidadanía, unha reforma ambiciosa que busca corrixir o desequilibrio histórico que situou o castelán nunha situación de privilexio no funcionamento real das institucións do Estado.
Os grupos asinantes lembran que, pese ao recoñecemento constitucional da diversidade lingüística, o mandato protector do artigo 3.3 continúa sen despregarse de forma efectiva e persisten normas e prácticas que penalizan a dobre oficialidade.
A proposta lexislativa sitúa como obxectivo central garantir que calquera cidadán poida exercer o seu dereito para relacionarse cos órganos do poder xudicial, coas institucións constitucionais e coa Administración Xeral do Estado en calquera das linguas oficiais do territorio, con plena validez xurídica. Para iso, introduce obrigas claras de capacitación lingüística en xustiza, función pública e contratación, e dota de ferramentas para asegurar o respecto ao dereito de opción lingüística.
Entre os eixos da reforma destacan medidas decisivas na Administración de Xustiza —como o requisito de coñecemento da lingua propia para acceder a prazas en comunidades con lingua oficial distinta do castelán ou a validez plena de documentos xudiciais sen tradución—, así como a adaptación integral dos procedementos administrativos e das plataformas dixitais a todas as linguas oficiais. A iniciativa tamén incorpora criterios lingüísticos transversais na contratación pública e regula ámbitos sectoriais chave como consumo, seguranza, transporte ou comunicación audiovisual, onde se reforza de maneira significativa a presenza e uso das linguas oficiais distintas do castelán.
No ámbito educativo, a lei estabelece que a lingua propia de cada Comunidade Autónoma será vehicular, co obxectivo de garantir que o alumnado domine tanto esa lingua como o castelán ao rematar a educación básica. Segundo os grupos promotores, esta medida reforza a igualdade de oportunidades e certifica unha competencia lingüística equilibrada en todo o territorio.
Finalmente, os grupos Republicano, EH Bildu, PNV, BNG, Compromís e Més per Mallorca subliñan que a proposta supón un salto cualitativo na protección do patrimonio lingüístico e na garantía de dereitos, pasando dun recoñecemento meramente declarativo a un plurilingüismo efectivo, operativo e plenamente respectuoso coa realidade lingüística do Estado.