parlamento galego

BNG votará en contra de Rueda porque o seu proxecto político leva 15 anos facendo que Galiza perda

Miguel Santalices e Ana Pontón
Miguel Santalices e Ana Pontón

Pontón: “É o candidato dos recortes en sanidade, do espolio eólico, do retroceso dos sectores produtivos, do abandono do rural e da submisión a Madrid”

Pregúntase que ten que ocultar o PP para negarse  a auditar os contratos da Xunta durante a pandemia que en cambio si pide investigar en Madrid

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG votará en contra dun candidato do PP á Presidencia da Xunta que representa “o retroceso de Galiza” e que “está deixando aos galegos e ás galegas atrás” cun proxecto que “vén a repetir as mesmas receitas fracasadas” dos últimos 15 anos.

Logo de trasladar o sentido do voto nacionalista ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, no marco das consultas para acordar a proposta de candidato ou candidata á Presidencia, Pontón criticou o retraso nos prazos para “deixar atrás a un Goberno e a un presidente interino”.

Neste sentido, reprochou ao candidato Alfonso Rueda que supedite a súa propia investidura á voda do alcalde de Madrid e retrase a configuración do novo Executivo. “A axenda galega está supeditada á axenda de vodas e festexos do PP e isto fai que se retrase até case dous meses a constitución do novo Goberno”, afeou.

En todo caso, Pontón enumerou as múltiples razóns que xustifican o voto en contra do BNG á candidatura de Rueda á Presidencia da Xunta, a comezar porque “representa os recortes na sanidade pública e as listas de espera” para poder ir ao médico ou á médica de cabeceira que poñen “en risco a saúde” da cidadanía.

“Tampouco imos apoiar a un candidato que ás persoas maiores o único que lles ten que ofrecer é un modelo de coidados onde se fai negocio coa vellez”, engadiu para criticar a incapacidade do PP á hora de desenvolver unha rede pública que garanta o dereito a unha vellez digna e ao que tamén reprochou que leve “15 anos dinamitando a política social de vivenda”.

A líder nacionalista asegurou que Rueda representa igualmente “o espolio da nosa riqueza eólica” e a unha forza política que “quere poñer a riqueza eléctrica deste País ao servizo dunha presa de multinacionais que é para as que traballa o Partido Popular”, ao que tamén afeou a súa incapacidade para defender os intereses galegos, xa que non conseguiu nin unha soa nova transferencia en 15 anos, “nin tan sequera a xestión do litoral, que si acadaron comunidades como Andalucía, Canarias ou Cataluña”.

Nesta liña, reprochou ao PP que só ofreza ao medio rural as “mesmas receitas fracasadas” de sempre, co apoio á posta en marcha de “proxectos megacontaminantes como a macrocelulosa de Altri” como única alternativa. “Trata a Galiza como unha colonia, apostando por proxectos contaminantes no corazón do noso País e impulsando que aqueles proxectos que non quere Portugal polas súas nefastas consecuencias se acaben instalando en Galiza”, advertiu.

Logo de denunciar o retroceso en ámbitos como a ciencia e a investigación, a destrución de emprego nos sectores produtivos ou a emigración forzada da mocidade pola falta de oportunidades, Pontón tamén se referiu “á democracia de baixa calidade” do PP que exemplificou na “manipulación dos medios públicos, convertidos nun aparato de propaganda” ao seu servizo, ou na ocultación de información ao Parlamento, como a referida aos contratos con Eulen -empresa na que é directiva a irmá de Alberto Núñez Feijóo- e na súa negativa a auditar os contratos da Xunta durante a pandemia. 

Sobre estes últimos, Pontón acusou ao PP de sementar as dúbidas coa súa opacidade e falta de transparencia. “Que ten que ocultar o PP en Galiza? Por que se nega a que poida haber unha auditoría ou mesmo por que non queren que aquí haxa unha comisión de investigación como eles reclaman en Madrid?”, cuestionou para subliñar que “cando alguén non ten nada que ocultar, non lle teme á transparencia”.

Tras lembrar que o BNG xa pediu os contratos adxudicados durante a pandemia na pasada lexislatura e que lle foron negados ao Parlamento, a líder nacionalista advertiu que todos os datos que se están coñecendo este días obrigan a que haxa unha “investigación a fondo” xa que “fan que nos salten as alarmas a respecto de que se estivo facendo durante unha pandemia”.   

“É evidente que algo teñen que ocultar, senón serían os primeiros interesados en que houbera luz e taquígrafos a respecto de como foron esas adxudicacións”, afirmou para concluír que “é indecente que mentres miles de persoas estaban angustiadas loitando contra un virus, houbera xente que quixo enriquecerse, facer negocio con esa pandemia e mesmo puido haber prácticas ilícitas”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG