BNG volve levar ao Parlamento a situación de XEAL para pedir que a Xunta se involucre no mantemento do emprego

Concentración XEAL
Concentración XEAL

Daniel Pérez: “Debe facer valer as cláusulas que vinculan a explotación das centrais hidroeléctricas coa actividade das fábricas de Brens e Dumbría”

Total condena da agresión sufrida polo presidente do comité de empresa

BNG volve levar ao Parlamento a situación de XEAL para pedir que a Xunta se involucre no mantemento do emprego

BNG sumouse esta tarde á concentración organizada polos traballadores e traballadoras de XEAL, antiga Ferroatlántica, para reclamar a execución e cumprimento do convenio colectivo, concentración que tamén serviu para expresar a rotunda condena á intolerable agresión ao presidente do comité de empresa, Alfonso Mouzo.

O deputado portavoz de industria, Ramón Fernández, e o deputado pola comarca, Daniel Pérez, estiveron na factoría de Brens e avanzaron que o BNG volverá levar o asunto ao Parlamento, reclamándolle ao Goberno da Xunta que tome cartas no asunto pois, destacan, a empresa benefíciase da explotación dos saltos hidroeléctricos dos ríos Xallas e Grande.

“A Xunta debe involucrarse e facer valer as cláusulas que vinculan a explotación das centrais hidroeléctricas co mantemento da actividade industrial e do emprego en XEAL tal e como, ademais, se mantén en diferentes sentenzas xudiciais”, destacou Pérez, “por iso levaremos ao Parlamento novas iniciativas pedindo a implicación do Executivo para garantir os postos de traballo nas fábricas de Cee e Dumbría”.

Desde a chegada da nova dirección, denuncia o Bloque, “hai unha redución drástica da actividade produtiva e unha perda continua de empregos”, recalcou Pérez, por iso resulta incomprensible a pasividade do Executivo de Feixóo, en particular da consellería de Industria “que debería ser proactiva na busca de solucións ante a conflitividade que se está a vivir nas fábricas”.

“Para o Bloque é inconcibible que a Xunta non utilice a súa forza para mediar e buscar unha solución, pese a que a actividade produtiva cada vez é menor ao igual que a cifra de postos de traballo”, insistiu o deputado nacionalista. O malestar, indica Pérez, “é palpable” entre o cadro de persoal,  e non mellora cando no medio da negociación dun convenio colectivo a dirección da empresa decide levantarse da mesa de mediación.

O clima de malestar e de conflitividade alcanzou un punto “intolerable” coa “brutal” agresión sufrida polo presidente do comité de empresa de XEAL o pasado sábado, “que desde o BNG condenamos ao tempo que trasladamos todo o noso apoio a todo o comité e moi en particular ao seu presidente”, subliñou Pérez.

 

BNG volve levar ao Parlamento a situación de XEAL para pedir que a Xunta se involucre no mantemento do emprego