BNG, ante unha vaga de lumes que xa alcanza a metade das hectáreas ardidas en 2006 e 2017, pregunta: “onde está o señor Rueda?”

foto Noa Presas
foto Noa Presas

Noa Presas reclama ao presidente da Xunta que convoque un gabinete de urxencia para aumentar as medidas fronte aos incendios e lembra que, con xa máis de 41.000 hectáreas ardidas, “aínda queda a metade do verán por diante”

Denuncia que fronte a un “IPC desbocado” en Galiza o Goberno do PP aproveita para recortar servizos públicos como a sanidade e o ensino

A deputada nacionalista Noa Presas criticou o “absentismo” do presidente da Xunta ante a vaga de lumes que asola Galiza e que con máis de 41.000 hectáreas queimadas segundo os últimos datos facilitados pola Xunta sumados aos de xullo, alcanza xa a metade do ardido nas crises incendiarias de 2017 e 2006, concretamente neste último caso con máis de 41.000 hectáreas de rasa e outras 55.000 de arborizada queimadas.

“Ante esta situación, desde o BNG facémonos unha pregunta: onde está hoxe o Goberno galego? Onde está o presidente da Xunta, onde está o señor Rueda ante esta situación?”, cuestionou, para urxir a continuación ao presidente do Executivo galego a abandonar a súa “actitude absentista e de brazos caídos” e a convocar “un gabinete de urxencia para activar máis medidas de prevención, vixilancia e extinción”.

Logo de subliñar que o feito de que Galiza estea a estas alturas de verán nestas cifras de superficie queimada confirma que “o dispositivo non estaba preparado, que os labores de prevención non estaban adecuadamente desenvolvidos e, que o Goberno do PP descansa a política de prevención e extinción no tempo, en confiar en que choiva”, a deputada do Bloque por Ourense advertiu que “queda máis da metade do verán por diante e neste País xa vivimos setembros e outubros moi difíciles”, polo que insistiu na urxencia de que a Xunta articule “máis medios antes de que haxa máis danos medioambientais, sociais e económicos”. 

A portavoz parlamentaria de Economía tamén se referiu ao dato do IPC galego coñecido hoxe e que eleva a inflación en Galiza case un punto por riba da media estatal, cun 11,5%, un 0,7% máis que no conxunto do Estado. “A crise de prezos afecta máis no País porque temos dos salarios e das pensión máis baixas e, polo tanto a xente ten menos capacidade de resistencia e afecta máis aquí porque temos un goberno na Xunta que vai en dirección contraria do que se precisa”, criticou.

Neste sentido, recordou que o Executivo galego negouse a subir as contías de prestacións como a RISGA ou as pensións non contributivas e “no lugar de tomar medidas para axudar a quen menos ten, aplicou unha reforma fiscal regresiva nos últimos orzamentos”. “A medida que aumenta a crise de prezos e, polo tanto, o empobrecemento dos galegos e as galegas, temos un PP que nos quere máis pobres e con menos servizos públicos”, afondou, para engadir a continuación “o PP está aproveitando o verán para meter a tesoira tanto na sanidade como no ensino públicos”.

Neste sentido, apuntou ás continuas queixas tanto da cidadanía como das e dos profesionais fronte ás dificultades no acceso á sanidade pública e tamén ás dimisións en masa que se están sucedendo nos centros de ensino público ou ás denuncias realizadas dende centrais sindicais como a CIG sobre “cuestións tan preocupantes como o peche de 59 unidades de Infantil e Primaria ou a perda de arredor de 1.000 profesores cos datos dos destinos definitivos de profesorado dados a coñecer o pasado 2 de agosto”.

“Preocúpanos enormemente que ante a maior crise de prezos dos últimos 38 anos, a resposta do PP sexa permitir o empobrecemento masivo da sociedade galega e acompañalo dun recorte de dereitos e dos servizos públicos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG