Europeas 2024

BNG utilizará o escano do País para defender en Europa a rexeneración das rías galegas

Acto Pontevedra
Acto Pontevedra

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista, Ana Miranda, pediron en Pontevedra o apoio ao BNG nas eleccións do 9X porque o seu escano será o único que funcione como o altofalante dos intereses dos galegos e as galegas en Europa. “Galiza xógase ter voz ou estar muda”, proclamou Pontón nun chamamento á participación masiva nestas eleccións acudindo ás urnas coa papeleta do BNG que, dixo, é a “candidatura do País”.

Pontón referiuse á rexeneración das rías como un dos asuntos primordiais da axenda galega, clave para o sector do mar, e polo que Galiza “non pode quedar fora de foco” en Europa. Asegurou, neste sentido, que “o escano galego servirá para seguir loitando por unha ría de Pontevedra rexenerada e libre de Ence, e tamén servirá para parar a bomba ambiental de Altri que o Partido Popular quere financiar con 250 millóns de euros de fondos europeos”. Uns cartos públicos que, engadiu, “non poden servir para contaminar Galiza, senón para limpar, para rexenerar e para a recuperación integral das nosas rías”.

Acto Pontevedra
Acto Pontevedra

“Non queremos que se repita na comarca da Arzúa-Ulloa en 2024 o mesmo que lle pasou a Pontevedra en 1958 en pleno franquismo”, manifestou Pontón, reafirmando a aposta do BNG polas “industrias do século XXI” . E por iso “imos parar a desfeita de Altri, man a man coa cidadanía e imos seguir loitando por una ría de Pontevedra libre de lodos e libre de Ence!”, garantiu.

A portavoz nacional comprometeu así o traballo de Ana Miranda en Bruxelas para frear tamén desde as institucións europeas a política industrial do PP de Rueda, que consiste en “macrocelulosas contaminantes e barra libre ao espolio eólico das multinacionais e das empresas amigas do Partido Popular”, unha política que até o de agora trouxo consigo a perda de más de 27.000 empregos no sector da industria.

Aliados na discriminación a Galiza

Pontón insistiu en que o BNG é o “equipo da casa” nestas eleccións e aproveitou para criticar o papel das forzas estatais no que ten que ver coa defensa dos intereses galegos. Reprobou ao respecto a “equidistancia” sobre Altri do PSOE, que prefire aliarse co PP e poñerse de perfil sen aclarar se quere financiar con fondos europeos os plans da multinacional portuguesa para instalar unha “bomba contaminante” no corazón de Galiza.

“As forzas estatais son especialistas en alternarse e mesmo en aliarse cando se trata de discriminar Galiza”, como continúan a facer tamén para boicotear unha AP-9 galega e libre de peaxes. “Cambian os ministros de transporte, cambia o inquilino da Moncloa, pero os argumentos contra a transferencia son os mesmos, antes con Mariano Rajoy e agora con Pedro Sánchez”, agregou.

Neste punto, aproveitou para censurar ao ministro de Transportes, Óscar Puente, por dicir que non se pode rescatar a autopista porque sairía moi caro. “Rescatar as radiais madrileñas para salvar á banca e ás grandes construtoras, si; pero rescatar a AP-9 para axudar á xente do común, ás familias e á clase traballadora e ás Pemes, non”, lamentou antes de referirse ao rescate da AP-9 como outro dos asuntos dos o BNG fará bandeira en Europa e que agora está máis cerca de ser realidade despois de que o Goberno europeo declarase ilegal a prórroga da concesión da autopista até o 2048 aprobada polo PP.

Acto Pontevedra
Acto Pontevedra

Unha candidatura 100% galega en defensa da Europa das persoas

A AP-9 é unha mostra máis da importancia de que Galiza teña “voz propia e firme” nas institucións europeas, onde se toman decisións que teñen consecuencias directas sobre o noso País, destacou pola súa banda a cabeza de cartel, Ana Miranda, quen salientou que a candidatura do BNG é “100% galega, comprometida coa defensa dos nosos sectores produtivos e servizos públicos, co feminismo, coa mocidade, co ecoloxismo e, por suposto, co antifascismo”.

“Quen levou a Bruxelas aos afectados pola macrocelulosa que o PP quere instalar en Palas? O BNG. Quen fala en Europa da AP-9 e dos problemas do transporte? O BNG. Quen falou do terrible accidente de Angrois, das consecuencias dos parques eólicos -tanto mariños como terrestres-, e da liberdade informativa? O BNG”, afirmou a candidata nacionalista para presentar o traballo realizado durante os últimos anos nas institucións europeas como o mellor aval da súa candidatura. “Se o BNG non estivese en Europa, ninguén falaría destes temas”, destacou.

Miranda apostou por unha Galiza con futuro nunha “Europa diferente”, a “Europa dos pobos e das persoas” que defende o Bloque, na que se avance en dereitos e xustiza social, unha Europa -dixo-que aposte polo respecto e a paz nas relacións internacionais e que poña freo á extremo dereita “que quere quitarnos os dereitos que acadamos con tanta loita. Aproveitou o mitin en Pontevedra para reivindicar mais unha vez unha Europa que non sexa cómplice co xenocidio en Gaza.

A candidata do BNG rematou comprometéndose a defender os intereses dos galegos e as galegas no Europarlamento, “libre e sen intermediarios” porque “non coma outros, ao único que lle temos que dar contas é ao pobo galego”, concluíu.   

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG