BNG urxe á Xunta a investigar e atallar a chegada de pequenas pezas de plástico ás praias do sur da ría de Arousa

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia a desidia do PP diante da aparición recorrente destes biosoportes e outros residuos que son unha ameaza para ao sector do mar

A deputada do BNG Montse Prado levou ao Parlamento a preocupación que se está a xerar na ría de Arousa a chegada ás praias, especialmente da zona sur, de miles de pequenas pezas de plástico chamadas biosoportes. Trátase, denunciou, dun novo episodio de contaminación diante do que a Xunta do PP non ten feito nada malia a preocupación xerada no sector pesqueiro e marisqueiro.

Segundo expuxo a deputada do Salnés, hai tempo que se constatou a aparición recorrente destes biosoportes, mais foi durante o mes de agosto cando saltaron as alarmas pola grande cantidade de pezas que apareceron e que aínda hoxe están chegando a praias de Sálvora, O Grove, Sanxenxo, Cambados, a Illa de Arousa, Vilanova ou Vilagarcía.

A deputada nacionalista denunciou que malia que a Xunta foi informada, non tomou ningunha medida nin para a recollida nin para determinar a procedencia destas pezas, que son de uso común en plantas de depuración de residuos, depuración de marisco e peixe e en plantas de acuicultura, explicou.

É por iso que reclamou ao Goberno do PP que abra unha investigación para determinar a orixe dos biosoportes plásticos e que faga un mapeo dos puntos contaminantes e de acumulación de residuos, especialmente de plásticos, no sur da ría de Arousa. Reclamou, ademais, a posta en marcha dun plan con prazos, recursos e orzamento preciso para erradicar vertidos e limpar residuos, así como para a vixilancia e retirada diante de novos episodios.

No transcurso dunha pregunta formulada na Comisión 8ª do Parlamento, Prado advertiu que a chegada dos biosoportes supoñen unha nova preocupación para o sector do mar, nunha ría que, dixo, “vén sufrindo por parte da Xunta en mans do PP o abandono e unha falta de interese sobre o coidado da calidade das augas e, polo tanto, dos sectores que viven delas”.

“A erradicación dos vertidos contaminantes, a eliminación de residuos e a garantía da calidade das súas augas están lonxe de ser unha realidade, o que pon sistematicamente en risco a riqueza medioambiental, de produción pesqueira e marisqueira e de calidade das augas, ademais de supor un constante risco para a saúde das persoas”, recalcou, aludindo neste sentido aos encoros de Porto de Mouros e Caldas, á mina de Touro, á ameaza de Altri , aos vertidos contaminantes tanto urbanos como industriais ou aos sentinazos.    

Montse Prado  subliñou a altísima dependencia que os concellos da ría de Arousa teñen da actividade pesqueira, marisqueira e acuícula, das que viven miles de familias. Subliñou, así mesmo, que o sector do mar é fundamental para o tecido socioeconómico dos concellos da ría nun nivel que vai do 10 ao 20 % do seu PIB, e que o peso que a ría de Arousa ten no sector do mar galego chega ao 33 % do valor engadido.

“Non valen máis escusas, urxe a rexeneración integral das rías e investigar as causas do máis que preocupante deterioro progresivo”, advertiu a deputada nacionalista, lamentando que a ría de Arousa teña o “triste récord” de ser a que máis vertidos rexistra de toda Galiza. Emprazou así ao Goberno do PP a actuar para que o saneamento da ría sexa máis que titulares de prensa e partidas orzamentarias que, dixo, non se executan, mentres o sector sofre unha baixada de produción alarmante tanto na pesca como no marisqueo, onde o berberecho descendeu un 80 % e ameixas como a fina ou a babosa un 70 %.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG