A deputada do Deza, Ariadna Fernández, reclamou no Parlamento que a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, poña fin a dúas décadas de atrasos e anuncie de inmediato o decreto das concentracións parcelarias das oito parroquias de Agolada que levan esperando por un proceso bloqueado pola Xunta de Galicia desde hai máis de vinte anos, e que tampouco ten previsto nos orzamentos de 2026.
“A quen quere evitar o abandono do rural fano agardar 20 anos por un investimento de 11 millóns, dos que vostedes non poñen nin a metade e que este ano tampouco están especificados nos orzamentos”, recriminou, recordándolle que “hai xente que iniciou esta loita con 55 e agora ten 75 e que aínda así continúa por dignidade e sobre todo por amor á terra, malia estar cansas e frustradas”.
Fernández lembrou, diante dos veciños e veciñas que se achegaron a Santiago para seguir a súa intervención desde a tribuna de convidados, que o proceso de concentración arrincou hai vinte e tres anos e que no 2009 se fixo pública unha Declaración de Impacto Ambiental favorable, cun investimento superior aos 800.000 euros. Porén, no 2010 o proceso foi paralizado sen explicacións e, dende entón, continúa estancado.
“Imaxino que vostede, nos últimos vinte anos, faría moitas cousas, señora Gómez; agardo que con máis éxito ca esta”, ironizou a deputada.
“Solicitaron reunións coa anterior e coa actual dirección do Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), co ex delegado territorial Luís López, co propio presidente Rueda e con vostede, conselleira, hai máis dun ano. E nunca recibiron resposta”, denunciou, reprochándolle á titular do Medio Rural que nin visitase Agolada nin dese explicacións públicas sobre o retraso, a pesar de ter estado recentemente na comarca.
Fernández repasou o longo historial de reunións e promesas de axilización do proceso, con visitas reiteradas de distintas directoras do Agader e doutros cargos do Goberno do PP en 2017, 2018 e 2019, e anuncios en 2024 que non se materializaron. A realidade continúa a ser a mesma que hai 14 anos cando se fundou a asociación Queremos Parcelarias, cuxo fin era o de darlle un impulso a estas concentracións.
“Despois de vinte anos estamos no primeiro dos pasos precisos para facer a concentración das parcelarias”, subliñou a deputada. “Xa non lle vou preguntar se considera que trata de xeito xusto aos veciños e veciñas de Agolada, que xa sei que non. Só lle fago unha pregunta sinxela: neste momento poden decretar as parcelarias de Agolada; vainas decretar antes de que remate o ano, si ou non?”, cuestionou.
Fernández salientou a importancia das parroquias afectadas, situadas na ribeira do río Ulla, que teñen 17.000 parcelas, case nove por hectárea, moi produtivas, con proxectos de plantacións de maceiras, castiñeiros, oliveiras e explotacións gandeiras, de extensivo e intensivo. “Hai vida, pero non grazas á súa Consellería”, afeoulle á titular do Medio Rural.
Recordoulle a contestación dun director xeral, que, diante dos veciños e veciñas que lle recriminaron non facer nada por axilizar o proceso, díxolles que tiñan un problema de minifundismo, e que o desenvolvemento agrogandeiro non era acorde coa alta calidade do terreo. Ademais, espetoulles: “Eu vou cobrar igual, fáganse as parcelarias ou non”.
“Ese é o rural que vostede fomenta, ese é o seu apoio ás explotacións, a quen quere quedar nelas, ao relevo xeracional e a concellos con terras produtivas que precisan dispoñer delas”, concluíu.