BNG urxe á Xunta a crear mesas cos produtores para fixar prezos para salvar os custes de produción e para asegurar o desenvolvemento socio-económico do rural

Mini Rivas
Mini Rivas
Xosé Luís Rivas lamentou que, unha vez máis, o PP vetara unha proposta destinada a reactivar as actividades agrogandeiras e fixar poboación no medio rural   

O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas recriminou o veto do  Partido popular á proposta do BNG encamiñada a marcar como  prioridade: “a creación de mesas de diálogo e negociación cos  axentes que interveñen nas cadeas de produción, para estableceren prezos que, salvados os custes de produción, aseguren ganancias que permitan un desenvolvemento económico-social dos diferentes sectores produtivos do rural”.

A proposición non de lei defendida polo deputado nacionalista, incluía planificar accións coordinadas e orzamentadas para “activar zonas deprimidas, abandonadas e despoboadas que permitan o reinicio das actividades agrogandeiras que fixen poboación, reactiven a economía e xestionen territorio coa meta posta “na necesaria soberanía alimentaria”.

Por outra parte, tamén reclamou medidas para facilitar o comercio de proximidade e a venda directa poñendo en marcha unha rede de matadoiros e Centros Comarcais de Transformación para o  desenvolvemento de pequenas e medianas explotacións familiares de producións, tanto ecolóxicas, coma integradas, así coma o aproveitamento dos excedentes do autoconsumo.

A nosa intención, dixo, é “orientar todas estas medidas para acadar produtos de calidade, respecto pola sostenibilidade e equilibrio do medio ambiental”, ademais de ir  pechando, na medida do posible, os  ciclos  de insumos para a produción de carnes e a transformación dos produtos primarios”

Na súa intervención, Mini urxiu á Xunta a recuperar “unha porcentaxe da Superficie Agraria Útil (SAU) para eliminar a dependencia dos “insumos exóxenos” ao que sumou, a posta en marcha de plans de choques nas  amplas zonas das provincias de Ourense e Lugo onde “o abandono agrogandeiro e despoboación son  máis acusados”.

Ao seu xuízo, resulta “indispensable”  priorizar todas estas medidas e o  fortalecer a expansión do modelo de pequenas e medianas explotacións agropecuarias.

En este sentido, explicou que en  Ourense o número de explotacións de vacún de carne destaca polo exiguo da cifra, “2.259 sobre 26.363,  un descenso que é brutal en Galiza pero moito peor en Ourense coa perda  834 explotacións”.

Ourense, engadiu, tamén segue a dinámica de concentración de cabezas de gando en menos explotacións pero aquí o aumento é considerable pois mentres en Galicia pasan dunha media de 12,40 cabezas por explotación a 19,12 en 2020, na provincia de Ourense pasan de 15,05 a 33,19. Esta dinámica, explicou pode deberse ao  maior peso dos cebadeiros de COREN, moitos becerros en moi poucas instalacións  con naves de engorde e a caída brutal de leite e carne “amosa unha realidade de abandono sen precedentes”.

Esta realidade é aplicable, afirmou a “todos os sectores produtivos na maior parte do noso rural” e de maneira alarmante na provincia de Ourense e o leste e sur da provincia de Lugo.

O deputado indicou que o custe de produción dun quilo de carne, despois da brutal suba de prezos dos insumos, combustibles, electricidade, materiais de construción..., ronda “os 7 euros quilo/canal” pero a realidade é que se paga a 4,70 euros/kg./canal. Se os custes de produción soben os prezos da carne ou do leite, “o resultado é o peche do negocio, por ruinoso”.

A “lei 12/2013, de 2 de agosto, de medidas para mellora-lo funcionamento da cadea alimentaria” determina que “para o cálculo dos custes de produción deberanse ter en conta elementos coma: fertilizantes, fitosanitarios, zoosanitarios, combustibles e enerxía, maquinaria, reparación, alimentos para os animais, gastos de veterinaria, traballos contratados ou man de obra asalariada pero estamos ante un poder político “irresponsable” que non ofrece medidas correctoras e proxectos para articular o territorio, aseverou.

 “No ano 2010 tiñamos un millón de vacas e 45.000 explotacións. En 2020, co mesmo número de vacas, quince mil explotacións menos. Un rural cada vez con menos xente” polo que volveu  a reclamar “responsabilidade política” para implementar medidas que favorezan aos sectores produtivos, “mellores prezos para os produtos agropecuarios” e sobre todo, contra a especulación e os produtos reclamo das grandes superficies comerciais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG