BNG urxe a transferencia e rehabilitación da Terraza de Sada

Néstor Rego
Néstor Rego
Tras a denegación da prórroga solicitada polos herdeiros da concesión e ante o grave deterioro do inmóbel, Néstor Rego reclama axilizar os trámites para que se leven as actuacións precisas para a súa rehabilitación e impulsar o paso á titularidade pública

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado realice a transferencia da xestión da “Terraza” de Sada e iniciar a súa rehabilitación -a través do cofinanciamento- até a desafectación dos terreos onde se sitúan. A organización nacionalista demanda axilizar os trámites para a rehabilitación e conservación do inmóbel, atendendo a súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC) e ante o estado deplorábel en que se atopa na actualidade.

O edificio coñecido popularmente como “A Terraza” no Concello de Sada está considerado como unha das obras máis destacadas do modernismo galego. A construción de madeira data de 1912 e foi trasladada dos xardíns de Méndez Núñez do Concello da Coruña até a súa localización actual, no paseo marítimo sadense. Atópase en terreo de dominio público marítimo-terrestre cedidos, no seu momento, en concesión administrativa. Na actualidade, os herdeiros do concesionario orixinario solicitaron unha prórroga da concesión, mais o Goberno do Estado e, en concreto, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico resolveu negativamente a prórroga e, por tanto, extinta a concesión.

Neste punto, a organización nacionalista rexistra novas iniciativas para que, unha vez executada a reversión derivada da extinción da concesión, o Goberno do Estado “comece a negociar e acordar co Concello de Sada a transferencia da xestión do inmóbel”. En opinión da frente nacionalista, no período transitorio o executivo estatal debe responsabilizarse da súa conservación e a rehabilitación da Terraza de Sada, atendendo a súa condición de BIC.

Neste sentido, o deputado nacionalista demanda estabelecer un convenio co Concello de Sada para a rehabilitación da Terraza, con cargo ao programa 2% Cultural ou calquera que for para a recuperación e posta en valor de bens culturais, sen prexuízo da posíbel participación no mesmo da Xunta de Galiza ou outra Administración Pública. “O Goberno do Estado debe incoar e resolver a petición de desafectación dos terreos onde se localiza o inmóbel” engade. Unha vez rematada a desafectación do ben inmóbel, o Bloque Nacionalista Galego defende a transferencia a titularidade de propiedade ao Concello de Sada.

Ante a grave situación de abandono da infraestrutura, Néstor Rego apunta a necesidade de desenvolver todas as actuacións precisas para pór remedio ao deterioro progresivo do inmóbel “que ademais está contemplado no Plan Xeral de Ordenación Municipal como equipamento sociocultural público”. En opinión do deputado, o MITECO debe estabelecer un diálogo e colaboración co resto de administracións, a comezar polo Concello de Sada, para realizar un convenio de rehabilitación a través do cofinanciamento.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG