BNG urxe a reparación integral da N-120

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda partidas específicas coa dotación económica suficiente para comezar as obras na maior brevidade e avanzar na mellora integral da vía

Reclama incluír no proxecto o arranxo e reparación urxente do firme das zonas especialmente degradadas nas comarcas de Valdeorras e Lugo Sul

O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado repare e mellore a N-120 a través dunha partida orzamentaria específica suficiente que inclúa a reparación do firme nos tramos máis perigosos e con maior desgaste. O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama que comecen as obras canto antes e se desenvolvan na maior brevidade para avanzar na mellora integral da vía e que se manteña no tempo.

“As características xeográficas e histórico-patrimoniais das comarcas de Ourense e Lugo Sur supoñen una dificultade engadida para acometer obras e novas infraestruturas, mais iso non pode seguir servindo de escusa para retrasar os investimentos imprescindíbeis para conseguir vías de comunicación adecuadas, e a mellora da N-120 é urxente para ter  unha estrada do século XXI” sinala.

En opinión de Néstor Rego, debe priorizarse a reparación e a optimización da única arteria de circulación existente. “A N-120 conta con tramos moi perigosos e cun trazado en moi mal estado que precisa ser reparado, así como aumentar os carrís onde fose posíbel”. O desdobramento debe facerse onde sexa imprescindíbel e factíbel pola “proximidade das vivendas a vía en moitos tramos, o que podería xerar problemas de seguranza. A prioridade, en todo caso, debe ser a redución de accidentes, que a vía sexa moderna mais segura e integrada no seu entorno”.

A formación nacionalista fai especial fincapé nos tramos en Valdeorras entre Rubiá e O Barco, o traxecto entre O Barco até A Rúa, Quiroga e A Pobra do Brollón. Neste sentido, tamén demanda revisar e reparar o tramo entre Monforte e O Castro de Ferreira e, en especial, o tramo entre Campoarairo e Canabal no Concello de Sober.

“Cunha pirámide de poboación descendente e con enormes dificultades socioeconómicas agravadas pola crise sanitaria e a perda de servizos públicos comarcais, é preciso e primordial atender ao desenvolvemento dos territorios que as conectan” enfatiza Rego. Unha comunicación áxil permitiría minimizar as consecuencias da dispersión poboacional e tamén axudaría a pór freo ao proceso de baleirado do medio rural. “É imprescindíbel ter unha rede viaria en condicións adecuadas que permitan a atención das xestións cotiás e a mellora das actividades turísticas, comerciais e industriais” conclúe o deputado nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG