O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que complete de forma efectiva e con todas as garantías a rexeneración ambiental da Ría do Burgo, así como manter as compensacións económicas ao sector marisqueiro até que se recupere plenamente a capacidade produtiva dos bancos afectados. Rego dirixiuse ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico mediante unha iniciativa parlamentaria co obxectivo de reclamar un compromiso real co territorio e co sector produtivo da Ría.
“A rexeneración da Ría do Burgo foi unha conquista histórica logo de máis de dúas décadas de loita social e institucional, mais non pode darse por concluída mentres non se recupere a actividade marisqueira nos bancos produtivos” subliña Rego. “As obras non remataron nin técnica nin ambientalmente, e cómpre corrixir os impactos xerados e garantir o futuro do marisqueo” evidencia o deputado do BNG.
O nacionalista denuncia que a afectación causada polas obras de dragaxe foi moito maior do previsto no proxecto inicial, chegando a danar 27 das 30 subzonas de produción e 22 dos 25 bancos de marisqueo a pé, segundo os informes da Confraría do Burgo. Un dos casos máis graves é o banco do Carniceiro, historicamente un dos máis produtivos da ría, que ficou severamente alterado.
“O Ministerio debe analizar en detalle o grao de cumprimento do proxecto e do Estudo de Impacto Ambiental, e atender ás evidencias que achega a Confraría” reclama Rego. “A administración non pode pechar os ollos ante os efectos das obras nin deixar sen resposta ás persoas mariscadoras que levan meses sen poder traballar”.
Outra das cuestións sinaladas polo BNG é a campaña de sementeira realizada tras as obras, que debía garantir a recuperación das catro especies de bivalvos propias da zona. Porén, os datos oficiais demostran unha distribución completamente desigual, con tan só 400 unidades de ameixa fina e 360.000 de berberecho, fronte a millóns de ameixa xapónica e babosa.
“É evidente que esta sementeira non permite unha recuperación real da biodiversidade mariña da ría nin da súa capacidade produtiva tradicional. Urxe rectificar e asegurar a presenza suficiente das especies autóctonas”, indica Rego.
O BNG reclama tamén que o Ministerio acuda con vontade real de diálogo á próxima reunión da Mesa de Seguimento das obras, convocada pola Confraría para o día 10 de xullo, e negocie un novo convenio co sector e coa Xunta de Galiza para manter as axudas económicas até a recuperación efectiva dos bancos marisqueiros.
“O Goberno debe actuar con responsabilidade. As mariscadoras e mariscadores non poden quedar desamparados mentres agardan entre 18 e 24 meses para volver traballar. Precisan garantías, apoio institucional e solucións reais, non promesas baleiras” reivindica o deputado do BNG.