BNG urxe unha moratoria da minaría submarina

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “Autorizar a extracción de minerais dos fondos mariños suporía un grave risco para o medio natural, a biodiversidade e o aproveitamento sustentábel dos recursos polo sector pesqueiro”

A iniciativa, que foi apoiada por unanimidade no Parlamento da Galiza, é levada agora ao Congreso polo BNG para protexer o sector pesqueiro galego e a biodiversidade mariña

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra iniciativas no Congreso nas que reclama ao Goberno do Estado que promova e defenda unha moratoria da minaría submarina ante a Autoridade Internacional dos Fondos Mariños. Reclama garantir a participación de representantes dos gobernos autonómicos con competencias no sector pesqueiro, prohibir a minaría en augas xurisdicionais e excluír a posibilidade de realizar esta actividade nas Áreas Mariñas Protexidas e Áreas Mariñas de Importancia Ecolóxica ou Biolóxica. Esta mesma iniciativa contou co apoio unánime da cámara galega polo que a formación nacionalista agarda que sexa aprobada no Congreso.

Nos últimos anos, o sector privado e os diferentes gobernos están a albiscar un futuro na explotación e comercialización dos minerais mariños debido aos avances tecnolóxicos e o tratamento dos recursos minerais do mar e mesmo o aumento da demanda de minerais como o manganeso, o ferro, o cobre, o níquel, o cobalto ou o chumbo. O interese comercial concéntrase en tres tipos de xacementos: os nódulos polimetálicos, os que concentran gran cantidade de sulfuros polimetálicos e as chamadas costras cobálticas localizadas nos costados e nas cimas dos montes submarinos.

“Autorizar a extracción de minerais dos fondos mariños suporía un grave risco para o medio natural, a biodiversidade e o aproveitamento sustentábel dos recursos polo sector pesqueiro” explica o deputado nacionalista. De permitir esta actividade “destruiríase de maneira irreversíbel moitos dos hábitats submarinos e á flora e a fauna que nela habita” ademais de supor un foco de contaminación pois tanto “coa extracción como co refugallo dos restos que non se aproveitarían, xeraríanse metais pesados que acabaría coa cadea trófica”. Esta actividade alteraría a capacidade mariña de absorción de CO2 á vez que se liberan e xeran máis emisións ao medio ambiente.

A minería implicaría unha seria ameaza para os fondos mariños e a destrución irreversible da biodiversidade mariña. Por este motivo, Rego reclama ao Goberno do Estado promover e defender unha moratoria da minaría submarina até que se estude e investigue o suficiente sobre este tipo de actividade e se midan os efectos negativos no medio ambiente mariño, a biodiversidade e as actividades humanas no mar.

A frota pesqueira galega veríase tamén gravemente afectada, pois a extracción mineira implicaría “unha gran perda de recursos pesqueiros a nivel planetario”. Estímase, segundo un estudo realizado por unha asociación ecoloxista, que a minaría submarina podería afectar a 15% das capturas de túnidos no Océano Pacífico e a 10% das capturas que se realizan no Atlántico. “O executivo ten que garantir a participación de representantes dos diferentes gobernos autonómicos que teñan competencias en materia de ordenación do sector pesqueiro ou que as súas augas poidan verse afectado, como é o caso da Galiza, e mesmo de organizacións ambientais e pesqueiras, co obxectivo de promover unha reforma da Autoridade Internacional dos Fondos Mariños para unha maior transparencia e participación da sociedade civil e os sectores afectados” subliña o deputado do BNG.

“Hai que prohibir este tipo de actividades en augas xurisdicionais e excluír a posibilidade de realizar esta actividade nas Áreas Mariñas Protexidas e Áreas Mariñas de Importancia Ecolóxica ou Biolóxica, incluíndo o Banco de Galiza frente ás costas galegas”. A minería submarina suporía, ademais da perda recursos para o sector pesqueiro, a completa extinción de moitas especies. Esa biodiversidade pode servir de fonte de coñecemento, de feito, moitas investigacións céntranse en formas de vida mariña para a investigación médica e o descubrimento de novos medicamentos. “Sen ir máis lonxe, o test da Covid-19 desenvolveuse utilizando unha encima illada dun  microbio que se atopou en  respiradoiros hidrotermais de augas profundas, un hábitat moi escaso e agora baixo a ameaza da minería submarina” subliña.

Esta mesma iniciativa foi presentada pola organización frentista no Parlamento Galego e apoiada polo resto de grupos parlamentarios da cámara. O MITECO, en resposta a preguntas formuladas polo BNG, manifestou estar de acordo coa necesidade de asegurar un marco regulatorio garantista e adecuado que minimice os impactos “con carácter previo, á autorización de explotacións”, mais aínda deixa aberta a porta a esa posibilidade no futuro, cuestión preocupante pola alta afectación económica e natural que esas actividades poden ter. Numerosos organismos como o Parlamento Europeo, a Comisión Europea, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), o Consello Consultivo da Frota Comunitaria de Longa Distancia ( LDAC), o Consello Consultivo para as Especies  Pelágicas (PelAC), así como distintas entidades sociais nacionais e internacionais documentaron e alertaron sobre os impactos coñecidos ou probables da minería submarina.

Recentemente, tamén o Parlamento Europeo fixo un chamamento na súa resolución do 9 de xuño de 2021 sobre a Estratexia da UE sobre a Biodiversidade para 2030 “Devolver a natureza ás nosas vidas” (2020/2273 (INI)) pedindo aos Estados membros “que promovan unha moratoria, tamén polo que respecta á Autoridade Internacional dos Fondos Mariños, sobre a minería submarina ata que se estudaron e investigado suficientemente os efectos da minería submarina no medio ambiente mariño, a biodiversidade e as actividades humanas no mar e póidase xestionar a minería submarina para garantir que non se perda biodiversidade mariña nin se degraden os ecosistemas mariños”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG