BNG urxe o MITECO a apoiar a modernización da planta de compostaxe de Lousame

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego contrapón o modelo sustentábel e de proximidade da planta de Servia frente o modelo de incineración da Xunta de Galiza executado por SOGAMA

Demanda aclarar a posición do executivo estatal sobre o sistema húmido-seco empregado na planta de Lousame despois de que a Xunta enviase un informe do Ministerio, en que este parece apostar polo modelo de incineración, aos concellos pertencentes a Mancomunidade Serra do Barbanza.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Goberno do Estado implicación para adaptar a planta de reciclaxe de Lousame á directiva europea e que se comprometa cun modelo de reciclaxe e exemplo de vangarda en Europa. Así mesmo, demanda aclaracións tras a nota recibida nos Concellos que conforman a Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza co carimbo da Subdirección Xeral de Economía Circular do MITECO, enviada pola Xunta de Galiza, na que o Ministerio parece apostar pola incineración.

A Mancomunidade Serra do Barbanza, creada en 1997, inaugurou en 2003 en Servia, no municipio de Lousame, as instalacións para a recollida e tratamento de residuos que presta, servizo a 9 concellos da Coruña: Lousame, Brión, Ames, Noia, Porto do Son, Muros, Carnota, Rois e Ponte Cesures. Un modelo de compostaxe de proximidade pioneiro no Estado español “que supón un motivo engadido para o seu mantemento”.

O deputado nacionalista recolle as demandas dos concellos afectados e traslada ao Ministerio a necesidade de que as administracións leven a cabo o investimento preciso para a “modernización desta planta que cumpre co modelo estabelecido nas normas europeas e supón un exemplo de vangarda no ámbito da reciclaxe”.

“En contraposición ao sistema de tratamento que promove o Goberno galego, executado por SOGAMA, a planta de Lousame recupera 51.1 quilogramos por habitante cada ano. Fronte a iso, o modelo da incineración da Xunta de Galiza só recupera 13.1” subliña Rego. Neste sentido, o deputado exixe ao Goberno do Estado que aposte por un modelo de reciclaxe de proximidade como o da planta de Lousame e colabore economicamente para a súa mellora cualitativa e na adaptación deste modelo á nova directiva europea e non polo mantemento e fomento da incineración para o tratamento de residuos.

Aclaración sobre a postura do executivo estatal

Por outra parte, os concellos que compoñen a Mancomunidade Serra do Barbanza recibiron unha carta da Xunta de Galiza cun documento anexo co carimbo da Subdirección Xeral de Economía Circular do MITECO na que o Ministerio parece desbotar o sistema empregado en Lousame para defender a incineración de SOGAMA. Por este motivo, a formación nacionalista reclama que se aclare a autoría da “nota interpretativa sobre si o modelo de recollida húmido-seco cumpre coas novas obrigas de recollida separada a efectos da normativa comunitaria e estatal sobre residuos”. Na devandita nota, sen sinatura nin data, a Xunta utilizaba un informe do Ministerio para dar a entender que o estado non considera que a planta de Servia cumpra coa Directiva Marco no que respecta á recollida separada de plásticos e metais e tampouco coa obriga de recoller de maneira separada os residuos.

Porén, na propia Directiva estabelécese a posibilidade de autorizar excepcións cando a recollida conxunta de certos tipos de residuos non afecte á súa aptitude de reutilización, reciclase e valorización, como é o caso demostrado de Lousame e dando validez ao sistema húmido-seco que empregan. Ademais, esa mesma normativa europea fixa que os biorresiduos deben tratados nun radio de 50 km da súa área de recollida, criterio de proximidade que cumpre a planta da Mancomunidade mentres que SOGAMA aínda non ten resolto debido inexistencia de plantas descentralizadas para a compostaxe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG