Congreso

BNG urxe a mellora da seguranza viaria no cruzamento da N-VI á altura do Centro de saúde do Corgo

Visita O Corgo
Visita O Corgo

Habilitación do tránsito peonil seguro, especialmente ao seu paso por zonas habitadas ou con vivendas próximas, coa instalación de pasos peonís e elementos de reforzo, defende Néstor Rego

O deputado nacionalista visita o punto conflitivo acompañado pola voceira da formación nacionalista no Corgo, Pilar Bellón

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado actuacións inmediatas para a mellora da seguranza viaria da N-VI ao seu paso polo termo municipal do Corgo, prestando especial atención á altura do Centro de Saúde. A organización nacionalista propón a instalación de pasos de peóns e outros elementos de regulación e calmado de tráfico, como semáforos, para reducir o risco de accidentes e mellorando a calidade de vida da veciñanza.

A N-VI atravesa o termo municipal do Corgo e constitúe unha vía cunha alta circulación de tráfico. Con especial atención, cabe sinalar o cruzamento situado na zona próxima ao Centro de Saúde ante a situación de perigo actual e futuro. Neste mesmo lugar, é onde se atopan algúns comercios de maior afluencia do concello e, proximamente, instalaranse os Servizos Sociais do Corgo. Ademais, nesta zona lévase a cabo unha feira mensual cunha grande afluencia de xente e de vehículos.

“Neste tramo de especial circulación non existen nin pasos peonís nin semáforos que permitan regular o tránsito de vehículos e peóns. Só conta con sinais horizontais de pintura desgastada sobre o asfalta que a meirande parte dos vehículos non respectan” sinala o deputado do BNG. Néstor Rego, neste sentido, sinala que a falta de medidas e da sinalización adecuada está a causar accidentes, atropelos e problemas de seguranza viaria.

O Ministerio de Transportes, demanda Rego, debe estudar este cruzamento e iniciar actuacións para mellorar a seguranza viaria neste punto a través da instalación de pasos de peóns para reducir o risco de accidentes, así como analizar a posibilidade de construír neste punto unha rotonda para a regulación e o calmado do tráfico. “Unha mellora integral non só neste punto senón no tramo completo da N-VI que atravesa o termo municipal do Corgo” enfatiza.

Segundo explica o deputado nacionalista, estas actuacións non requiren dun investimento elevado mais o cambio que se produciría sería substancial, sobre todo na mellora da seguranza viaria e a calidade de vida da veciñanza.                                              

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG