BNG urxe manter os postos de traballo na torre de control de Alvedro

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego reclama ao Goberno do Estado que actúe ante o posíbel fechamento da torre de control coruñesa e garanta o mantemento dos postos de traballo e dunhas condicións laborais e salariais dignas

Demanda manter o apoio visual en Alvedro imprescindíbel para actuar ante posíbeis erros técnicos ou sabotaxes

O BNG vén de rexistrar novas iniciativas sobre o fechamento da torre de control do aeroporto de Alvedro, na Coruña, e o traslado do control de tráfico á torre de Vigo. A organización nacionalista reclama manter o apoio dos sistemas visuais para unha maior seguridade aérea e actuar de maneira áxil ante erros técnicos ou sabotaxes. Así mesmo, urxe garantir as condicións laborais e salariais dignas aos traballadores e traballadores nas torres privatizadas e evitar recortes de persoal.

Tanto a torre de control de Alvedro como a de Peinador foron privatizadas e atópanse xestionadas pola mesma empresa, SAERCO. A privatización supuxo unha alarmante redución dos dereitos laborais e salariais nos últimos anos, xerando graves diferenzas de trato frente os que seguen exercendo as súas funcións en torres de control públicas dependentes de AENA. Este empeoramento das condicións implica tamén un incremento do risco na seguridade do tráfico tal e como denuncian os propios controladores.

Co remate da construción da torre de control multifunción no aeroporto de Peinador, en Vigo, esta instalación pasaría a controlar o tráfico aéreo de distintos aeroportos, incluíndo o control do tráfico aéreo do aeroporto da Coruña en remoto. A pesar de que se están estendendo os sistemas de control remoto, o certo é que “algúns países cancelaron a súa implantación por considerarse preciso contar co apoio de sistemas visuais para contrarrestas posíbeis fallos técnicos ou sabotaxes”.

“Cremos que o Goberno do Estado debe actuar para garantir a continuidade dos postos de traballo e as condicións laborais dos controladores aéreos que traballan nestas torres de control. Aínda que se aposte polo control remoto, será necesario seguir contando con persoal técnico de maneira presencial en Alvedro para poder atallar de forma áxil calquera avaría ou fallo nos sistemas” explica o deputado do BNG, Néstor Rego.

Resulta evidente que “o fechamento da torre de Alvedro porá en risco os postos de traballo agora existentes nestas instalacións”. A perda de empregos estábeis e de calidade “non debe tolerarse, e moito menos, cando esa redución pode actuar, ademais, en detrimento de a calidade e seguridade dos servizos de control aéreo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG