BNG urxe incrementar o investimento para O Condado-Paradanta que permita fixar poboación no rural

O Condado-Paradanta
O Condado-Paradanta

Néstor Rego defende levar a cabo infraestruturas necesarias e a prestación de servizos básicos nestas comarcas, así como a recuperación de espazos naturais para mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir o desenvolvemento económico

“Parece que se lle esqueceu que foi Ministra de Fomento e nunca levou a cabo a conexión da A-52 coa saída de Lentille” lembra Rego con ton irónico tras a visita de Ana Pastor e o anuncio da emenda nos Orzamentos do Estado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para as comarcas do Condado, Paradanta e O Porriño co obxectivo de incrementar o investimento, sobre todo para a dotación e mellora das infraestruturas. Acompañado de cargos institucionais e orgánicos da comarca, destaca as propostas para a mellora das conexións por estrada e un proxecto para a comunicación ferroviaria da comarca, así como a recuperación de espazos naturais e garantir a extensión da Rede de Fibra Óptica como método para fixar poboación no rural galego.

Rego estivo acompañado da concelleira do BNG en Covelo, Laura Santiso; o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros; a concelleira e candidata á alcaldía en Salvaterra de Miño, Patricia Mariño; o segundo tenente alcalde das Neves, Óscar González; o vicerresponsábel comarcal, Hadrián Bautista; e o coordinador, Raul Lago. Situados no cambio de sentido en Lentille, a frente nacionalista anuncia a emenda rexistrada que permitiría completar este enlace da A-52 en dobre sentido. “Na actualidade, só se pode saír en sentido Vigo, co prexuízo que isto significa xa que os vehículos vense obrigados a percorrer 20 quilómetros até o alto de Fontefría a través da N-120” explica Rego.

“A semana pasada estivo a deputada Ana Pastor demandando a conexión da A-52 coa saída de Lentille. Parece que se lle esqueceu que foi Ministra de Fomento e nunca levou a cabo esta obra tan necesaria” ironiza o deputado nacionalista. En opinión de Rego, a Galiza sempre recibe o mesmo trato dos executivos estatais: “PP e PSOE mudan de pel cando gobernan e cando están na oposición mais son eles quen están a prexudicar e despoboar o noso País”.

Ademais desta emenda, fixeron repaso do resto de propostas para a comarca, a comezar polas referidas a cobertura do territorio cunha rede de internet e cobertura de telefonía adecuada. Así, a organización nacionalista reclama unha partida para garantir a extensión da Rede de Fibra Óptica en todo o territorio da comarca do Condado-Paradanta, medida que axudaría a frear o despoboamento. “A imperante necesidade de conexión a internet non se atopa cuberta no rural. Nos últimos anos estase estendendo mais non dunha maneira axeitada: está sendo lenta, pouco ordenada e sen ter en conta as necesidades reais da poboación” explica o deputado nacionalista. Por este motivo, solicita a extensión da rede de fibra óptica co obxectivo de mellorar o acceso a internet en todo o territorio rural.

En materia ferroviaria, Rego destaca a emenda para a mellora das comunicacións na comarca e o fomento do uso dos medios de transportes colectivos como o ferrocarril, un medio “máis eficaz, eficiente e sustentábel”. Neste sentido, a organización propón pór en marcha trens de proximidade entre As Neves (PLISAN) e os polígonos industriais do Porriño e Vigo -facendo paradas polas vilas e cidades que atravesa- así como a creación de liñas que conecten con Ourense.

Alén do máis, Rego presenta tamén emendas para lograr a liberalización das portaxes da AP-9 no tramo Vigo-O Porriño-Tui para contribuír a baixar a densidade de tráfico que soporta a A-55 na actualidade. “É imprescindíbel construír unha nova alternativa á actual autovía mais, mentres este proxecto non se realice é necesario liberar este tramo da AP-9” destaca.

“Se falamos de desconxestionar o tráfico, cabe destacar a partida presentada para a construción da nova ponte internacional -recollida no Plan Director de Estradas de Galiza de 2008 e no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria e Estratéxica 2010-2015 (MOVE)- que conectaría Salvaterra de Miño con Portugal” salienta o deputado do BNG, Néstor Rego, cifrando a partida inicial en vinte millóns e medio de euros.

No marco do orzamento previsto para o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a frente nacionalista defende a redacción do proxecto para o saneamento integral do río Miño -sobre todo no termo municipal das Neves- ante a súa acelerada degradación polos vertidos que se producen. “Varias zonas de baño mostran indicadores de calidade das augas que recomendan a prohibición da práctica do baño. Propomos a financiación dun estudo que contemple o saneamento destas augas” enfatiza. Así mesmo, urxe a recuperación do entorno dos ríos Termes e Xuliana para frear a perda de patrimonio etnográfico e natural.

Proxecto de futuro para O Porriño

“Defendemos a construción do enlace directo aos polígonos, residencial e industrial, de Torneiros coa A-55 xa que, na actualidade, este acceso realízase a través de tramos urbanos que demora nos tempos e elevan a densidade do tráfico nos núcleos de poboación” destaca o portavoz municipal do BNG, Pedro Pereira.

Se falamos da A-55, Rego sinala a emenda que propón a redacción dun novo proxecto sobre a variante O Porriño-Vigo debido á saturación actual do tramo que constitúe un dos máis perigosos da Galiza e o Estado. “Entendemos necesario a instalación de pantallas acústicas nas autovías A-55 e A-52 ao seu paso polos núcleos urbanos do termo municipal do Porriño para eliminar a contaminación acústica que sofre a veciñanza” engade Pereira.

Na emenda que contempla o soterramento da liña Monforte de Lemos-Vigo aos seu paso polo Porriño, a organización nacionalista tamén contempla a eliminación do paso a nivel ao seu paso polo casco urbano. “Esta é unha exixencia histórica que o MITMA, o antigo Ministerio de Fomento, rexeita constantemente a pesar de que favorecería o crecemento e a cohesión urbanística do municipio” denuncia o voceiro municipal.

“Propomos a execución do proxecto para eliminar os residuos de fabricación de lindano -produto altamente tóxico que foi sintetizado para a fabricación de insecticidas e empregado para a construción de camiños e estradas- en Torneiros, xa que están pondo en perigo a saúde do medio ambiente como a humana” explica. Por último, suxire unha partida para a recuperación das lagoas das Gándaras, espazo de especial protección dentro da Rede Natura 2000, a través da eliminación de especies invasoras e a construción dunha balsa de decantación para eliminar a contaminación das augas.

Transformar As Neves en positivo

O actual alcalde das Neves e candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais, Xosé Manuel Rodríguez propón unha partida para a eliminación das especies non autóctonas na ribeira do Miño como medida para a recuperación ambiental após a onda de lumes que asolou o municipio en 2017.

“Queremos que se instalen pantallas acústicas na autovía A-52 aos seu paso polas parroquias de San Pedro e Santa Eulalia de Batalláns xa que a veciñanza está a sufrir contaminación acústica ante o alto grao de tránsito, tanto lixeiro como pesado” explica Xosé Manuel Rodríguez.

Mellora da seguranza viaria en Ponteareas

A N-120 atravesa Ponteareas e carece do sistema que garanta a seguranza viaria, tanto de vehículos como de peóns, producíndose múltiples accidentes nos últimos anos. “Entendemos que a actuación debe ser en toda a comarca, xa que esta infraestrutura da servizo a moitos concellos veciños mais o Goberno do Estado debe executar o proxecto para a seguranza viaria, un compromiso do Ministerio coa Corporación municipal e a Plataforma veciñal” lembra a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila.

“Se falamos de compromisos, cabe lembrar que estes son os últimos orzamentos da lexislatura e a Dirección Xeral de Estradas aínda non executou as partidas comprometidas para a construción da variante de Ponteareas. Propomos incrementar a partida até os 2 millóns para que se poida executar no vindeiro exercicio” explica Davila. Esta infraestrutura permitiría conectar a poboación de Ponteareas coa A-52, evitando atascos e inseguridade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG