BNG urxe o Goberno a investigar os apagamentos de Chantada e garantir investimentos para evitar novos cortes

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama responsabilidades á empresa distribuidora, inspeccións da rede eléctrica e compensacións para toda a veciñanza afectada

Propón unha investigación sobre as causas dos cortes de subministracións e demanda investimentos urxentes para garantir un servizo eléctrico de calidade no municipio

Ante os reiterados e graves cortes de subministración eléctrica no termo municipal de Chantada, o deputado do BNG no Congreso reclama ao Goberno unha investigación para coñecer as causas dos apagamentos, o reforzo dos mecanismos de control sobre a empresa distribuidora e actuacións necesarias para garantir que unha situación desta gravidade non volva repetirse.

En menos dunha semana, Chantada sufriu dous apagamentos que deixaron sen electricidade durante varias horas o casco urbano e as 36 parroquias do municipio, provocando importantes perdas económicas e numerosos trastornos á veciñanza, ao pequeno comercio, á hostalaría e ás explotacións do sector primario.

Para o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, "non estamos diante dun incidente illado nin dunha simple coincidencia. Dous apagamentos de grande magnitude na mesma infraestrutura e nun prazo de poucos días evidencian que é necesario esclarecer o sucedido e determinar se existen deficiencias no mantemento e na planificación da rede eléctrica".

O deputado nacionalista lembra que os cortes provocaron perdas de alimentos, avarías en equipamentos eléctricos e de telecomunicacións, interrupcións do servizo telefónico en distintos núcleos do concello e mesmo que numerosas alarmas permanecesen activadas durante horas, impedindo o descanso da veciñanza. "As consecuencias dun servizo deficiente recaen sempre sobre as familias, os negocios e as explotacións agro-gandeiras, mentres a empresa limítase a falar dunha suposta coincidencia que non resulta convincente" afirma.

Por este motivo, o BNG reclama ao Goberno abrir unha investigación e requirir á empresa distribuidora un informe técnico completo sobre as avarías rexistradas na liña de media tensión e nos transformadores afectados, co obxectivo de coñecer as causas reais dos apagamentos e depurar todas as responsabilidades que correspondan.

Así mesmo, Néstor Rego demanda ao executivo exercer as súas competencias de inspección e control para garantir o cumprimento dos estándares de calidade da subministración eléctrica estabelecidos na Lei do Sector Eléctrico. "O Goberno debe comprobar se a empresa está a cumprir as súas obrigas legais, realizar as inspeccións e auditorías precisas e obrigala a acometer os investimentos necesarios para asegurar unha subministración eléctrica estábel e segura para toda a veciñanza de Chantada" sinala.

A iniciativa do Bloque tamén reclama que as administracións competentes supervisen as reclamacións presentadas polas persoas afectadas para garantir que reciban as indemnizacións e compensacións que lles correspondan polos danos sufridos.

Finalmente, o BNG solicita ao Goberno que faga públicos os datos sobre a calidade da subministración eléctrica en Chantada nos últimos cinco anos, así como os expedientes informativos ou sancionadores que puidesen tramitarse contra a empresa distribuidora por incumprimentos da normativa.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG