O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado medidas urxentes para garantir un servizo de Correos público, de calidade e axeitado ás necesidades no concello do Valadouro. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado, nomeadamente no Congreso, para que o executivo estatal actúe frente á situación de deterioro que sofre o servizo postal na localidade.
Néstor Rego sinala que a redución continuada de persoal e de medios na oficina de Correos do Valadouro está a provocar atrasos no reparto e dificultades crecentes para a veciñanza, especialmente para unha poboación avellentada que depende en gran medida deste servizo público para recibir comunicacións administrativas, sanitarias e documentación oficial. O deputado do BNG lembra que as competencias en materia de Correos corresponden exclusivamente ao Goberno do Estado, polo que “resulta inaceptábel que non se garanta o cumprimento efectivo do Servizo Postal Universal no rural galego”.
O deputado nacionalista advirte tamén de que as últimas decisións adoptadas polo executivo estatal, así como o marco normativo vixente, afondan nun modelo que penaliza os concellos rurais, reduce cadros de persoal e precariza as condicións laborais das traballadoras e traballadores de Correos. Rego incide en que este camiño supón unha perda de calidade do servizo e un paso máis cara a procesos de liberalización e privatización encuberta, frente aos que o BNG mantén unha oposición firme e constante.
“Defendemos manter Correos como Servizo Postal Universal de carácter público, con presenza efectiva no territorio e cunha atención digna á cidadanía” afirma Rego, mentres exixe ao Goberno que dea marcha atrás aos plans de desmantelar o servizo e insiste tamén en que o abandono institucional do rural ten consecuencias directas na vida diaria das persoas.
Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG no Valadouro, Eduardo Chao, lembra que o BNG tamén presentou unha moción no Concello do Valadouro, aprobándose pola unanimidade do pleno municipal, coa finalidade de reclamar a dotación de persoal e recursos suficientes na oficina de Correos e de amosar o apoio ás traballadoras e traballadores que están a soportar unha sobrecarga de traballo derivada da falta de efectivos.
Eduardo Chao destaca o traballo coordinado do BNG en todas as institucións, subliñando que a defensa dos servizos públicos no Valadouro realízase tanto desde o ámbito municipal como desde as Cortes do Estado. “Só cunha actuación firme e coherente, desde o local até o estatal, se poden frear os recortes e garantir dereitos á veciñanza do rural” afirma.
Néstor Rego e Eduardo Chao están acompañados por Eliseo Teijeiro, concelleiro do BNG; Daniel Castro, deputado do BNG no Parlamento de Galiza; Daniel García, deputado do BNG provincial; Antonio Veiga, responsable comarcal do BNG; así como por veciños e veciñas do Valadouro, que amosan o seu apoio ás reivindicacións formuladas polo Bloque Nacionalista Galego.