BNG urxe o Goberno a continuar a busca dos mariñeiros do Vila de Pitanxo

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego reclama ao executivo continuar coa busca, tal e como reclaman os familiares das familias dos mariñeiros desaparecidos e o conxunto do pobo galego, con todos os medios e recursos necesarios

“Deben ser axilizados ao máximo posíbel os trámites para a declaración de falecemento dos desaparecidos e facilitar o acceso das familias ás pensións de viuvez e orfandade que lles corresponden” demanda Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que atenda as xustas demandas formuladas polos familiares dos mariñeiros desaparecidos, así como do conxunto da sociedade galega, e que envíe á zona todos os barcos e medios necesarios para que se continúe coa busca. A formación nacionalista entende que é “unha obriga moral e política” que se dean as instrucións precisas para o envío de efectivos que permitan localizar os mariñeiros e tamén que se axilice o máximo posíbel os trámites administrativos para a declaración de falecemento dos desaparecidos e permitir así que as familias accedan ás pensións que lle corresponden.

Tras varias reunións dos familiares dos mariñeiros desaparecidos do naufraxio coa Subdelegada e o Delegado do Goberno na Galiza, e mesmo co propio Presidente Sánchez a resposta por parte do executivo non está a ser a clara e non asume o compromiso de enviar xa medios propios á zona do naufraxio. Tal e como os familiares puxeron de manifesto “é urxente que o Goberno destine os medios e recursos necesarios que permitan atopar os desaparecidos e non só comprometerse a estudar as reclamacións presentadas”.

“Existen alternativas viábeis, falta só a vontade política de levalas a cabo. Neste momento, as tarefas de rastrexo están unicamente en mans doutros barcos pesqueiros que, voluntariamente e asumindo as perdas e custos de dedicar os seus esforzos a este fin, manteñen os traballos para localizar vestixios do naufraxio” subliña Rego. A formación nacionalista defende a necesidade de, como primeira medida de urxencia, ofrecer unha compensación económica aos barcos que faenan nesas augas agora mesmo, para que “poidan seguir dedicando todos os seus esforzos á procura e que non se vexa paralizada á espera da chegada do resto de efectivos que pode e debe enviar o Estado español”.

Así mesmo, segundo explica o deputado nacionalista, o Goberno ten á súa disposición os medios necesarios para poder afrontar as tarefas de recuperación. “Calquera das fragatas da Armada con base en Ferrol dispón dun sonar que permitiría realizar un varrido da zona en que se cre que se atopa o barco para localizalo” lembra Rego.

Estímase que o pesqueiro está a unha profundidade entre 900 a 1000 metros, o que permitiría o fácil acceso ao barco mediante o despregamento dun vehículo submarino non tripulado (ROV), que son habitualmente utilizados en condicións semellantes para labores arqueolóxicos, prospeccións ou cableados submarinos. “Disponse ademais dunha frota de avións de recoñecemento aéreo  P3  Orión do Exército do Aire e avións  CN235 de salvamento marítimo que, operando desde Canadá, terían plena capacidade operativa para o rastrexo” destaca o deputado nacionalista.

“Non pode empregarse como escusa a decisión adoptada por Canadá nin alegarse que non permite a entrada de barcos, porque a zona de procura sitúase en augas internacionais, sobre as que non tería xurisdición, e se tiveren que entrar en augas territoriais ou da zona económica exclusiva canadense, os convenios internacionais de auxilio marítimo permitirían o acceso” afirma Néstor Rego.

Así mesmo, o deputado do BNG traslada ao executivo a necesidade de garantir a máxima dilixencia e a supresión de trabas administrativas ou burocráticas para o recoñecemento das pensións de viuvez e orfandade ás familias dos mariñeiros falecidos. “É especialmente importante axilizar o máximo posíbel a declaración de falecemento dos desaparecidos” asegura Rego que, tras ser declarados mortos por Canadá- razón coa que se xustificou o abandono da procura- pódese constatar o cumprimento dos criterios que marca o artigo 196 do Código Civil e declarar o falecemento de forma inmediata. “Resulta evidente que se atopaban a bordo dunha nave cuxo naufraxio ou desaparición por inmersión no mar comprobouse e hai evidencias racionais de ausencia de sobreviventes, tal como exixe a norma” destaca Rego.

“Existen moitos precedentes de buques accidentados en que, tras descartarse toda opción de salvamento, foron continuados os labores para o rescate e repatriación dos corpos. Os familiares e achegados, e con eles toda Galiza, séntense impotentes, abandonados e decepcionados ante a inacción do Goberno do Estado” enfatiza o deputado. “O executivo non pode facer oídos xordos ao clamor das familias e de todo o pobo galego” e ten a “obriga política e moral de traer de volta todos os mariñeiros do Vila de Pitanxo” conclúe Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG