O BNG sinala a necesidade de que se desenvolva un Plan Integral de mellora, rehabilitación e adaptación na totalidade da N-640. No concreto, engade a senadora, o BNG rexistra iniciativas nas Cortes do Estado para demandar actuacións ao seu paso polas comarcas de Tabeirós e do Deza e levar a cabo a variante exterior da Estrada. Actuacións que permitan abordar e solucionar os problemas derivados da falta de mantemento, os relacionados coa seguranza viaria e a adaptación desta estrada cando atravesen núcleos de poboación, instalando medidas para o calmado de tráfico.
A senadora do BNG, Carme da Silva, estivo acompañada por cargos institucionais e orgánicos da formación nacionalista como Xoán Reices, concelleiro da Estrada, Roberto Jorge, concelleiro de Forcarei, Natalia Camiña, concelleira de Cuntis, Susana Tato, concelleira de Agolada, e mesmo a deputada do Parlamento de Galiza e veciña da comarca, Ariadna Fernández.
A N-640 constitúe a principal vía de comunicación entre Pontevedra e Lugo xa que non existe unha vía de alta capacidade entre os dous territorios. Ademais, é a principal vía polo que se desprazan centos de veciñas e veciños no seu día a día entre as comarcas do Deza e Tabeirós, discorrendo por vilas de importante actividade socioeconómica como A Estrada, Lalín ou Silleda.
Malia ser unha vía de comunicación principal para moitas veciñas e veciños, sinala a senadora do BNG, esta estrada –de titularidade estatal- foi desatendida pola administración competente e, a día de hoxe, son múltiples as deficiencias que presenta, afectando a numerosos tramos do seu percorrido. “A falta de investimentos mínimos para o seu mantemento derivou en problemas de seguranza viaria ao que se lle suman os problemas derivados da propia configuración e deseño da estrada, con trazados sinuosos e de elevado risco na condución” subliña Carme da Silva.
“O Goberno do Estado debe acometer un Plan Integral de mellora e rehabilitación da N-640 atendendo aos problemas derivados da falta de mantemento, de seguranza viaria, ás deficiencias do firme, a súa adaptación aos elementos de travesía urbana, o reforzo de medidas para rebaixar o perigo das curvas sinuosas e o calmado do tráfico noutras áreas” reclama a senadora nacionalista.
Así mesmo, urxe adaptar a N-640 a un perfil de travesía urbana ao seu paso polos núcleos urbanos como na Estrada, en Silleda, na Agolada. Que teña, por eses núcleos, tratamento de rúa, “aplicando medidas de redución da velocidade, de calmado de tráfico, zonas habilitadas para o tránsitos dos peóns así como a instalación de semáforos e retirando todo o tráfico pesado que sexa posíbel deses núcleos de poboación”. Do mesmo xeito, sinala a necesidade de habilitar carrís para vehículos lentos no tramo da subida a Marco de Álvare.
Reivindicar a variante da Estrada: pasar do papel á realidade
A infraestrutura reclamada pola organización nacionalista desde hai tempo, a variante da Estrada, “leva décadas falándose dela, leva décadas facéndose estudos informativos. É hora de pasar dos estudos aos feitos. Dos proxectos á execución de obra, tal e como está recollido no Acordo de Investidura conseguido polo BNG”. Neste acordo, lembra a senadora do BNG, está recollido o compromiso de impulsar a redacción do proxecto e comezar a súa execución antes de que remate a lexislatura.
Basta de parches e de pequena partidas
Ante o anuncio do Goberno sobre as futuras actuacións que se levarán a cabo no tramo A Estrada-Cuntis, a senadora do BNG sinala que o investimento anunciado supón, máis unha vez, unha acción parcial mais adianta que “non solucionará as graves deficiencias existentes”. Esta actuación supón “parchear a estrada” e non unha reparación integral do firme, mellorando a seguranza viaria.