BNG urxe a estabelecer un cartón de cidadanía transfronteirizo entre a Galiza e Portugal

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego demanda incluír todas as persoas que fan vida na área transfronteiriza por motivos de estudos, de negocios ou semellantes, ademais das persoas traballadoras, que deben atravesar diariamente a fronteira

“Despois de dous anos de pandemia, os Gobernos de Portugal e o Estado español aínda non puxeron en marcha un documento que resolva os problemas derivados do fechamento das fronteiras na rexión transfronteiriza do Miño, denuncia o BNG

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas no Congreso para coñecer en que estado de tramitación se acha o cartón de cidadanía transfronteirizo a que se comprometeron os gobernos do Estado español e Portugal, así como o alcance que terá. Ademais, a organización nacionalista demanda incluír no cartón todas as persoas que por razóns laborais, de estudos ou outros motivos tiveren que atravesar a fronteira de maneira diaria.

O fechamento e as restricións impostas nos pasos fronteirizos entre Portugal e a Galiza durante a declaracións dos estados de alarma e calamidade en 2020 e 2021 repercutiu de maneira negativa na economía de toda a rexión transfronteiriza do Miño. Desde o primeiro fechamento, tanto os concellos galegos, como as cámaras portuguesas, así como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do río Miño, demandaron a creación dun mecanismo que facilite a circulación das persoas que teñen que desprazarse a diario dun lado a outro da fronteira por motivos laborais, de estudo ou outros.

Todos os actores implicados propuxeron permitir o paso mediante a presentación dun cartón ou tarxeta de cidadanía transfronteiriza para facilitar a circulación normal das e dos que deben atravesar a diario a fronteira. Tras as dúas última cimeiras ibéricas, que decorreron en 2020 e 2021, ambos executivos comprometéronse a traballar para atender esta reclamación mais agora parece limitarse á creación dun “estatuto do traballador/a transfronteirizo” que podería deixar fóra moitas persoas.  

“Queremos saber en que estado se acha a tramitación dese cartón transfronteirizo que ambas institucións se comprometeron a desenvolver e se vai limitarse ao chamado Estatuto do Traballador e Traballadora Transfronteiriza” explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. “Nin a Xunta da Galiza, nin a AECT Galiza-Norte de Portugal, nin a AECT Verín-Chaves, nin a AECT do río Miño, nin os  concellos ou cámaras respectivas que forman parte delas recibiron comunicación ou consultas sobre as liñas de traballo seguidas para a posta en marcha dun futuro cartón transfronteirizo” denuncia o deputado nacionalista.

Na cimeira de Trujillo (2021), os comunicados de prensa facían referencia a que eran os Ministerios de Traballo de ambos os estados os que estarían a elaborar ese “Estatuto do Traballador Transfronteirizo”, mais descoñécese en que vai consistir, nin que interlocutores sociais ou territoriais están tendo ambos os ministerios para a elaboración do citado estatuto. A organización frentista, na iniciativa rexistrada, tamén quere coñecer o alcance que terá o Estatuto e se “se poderá aplicar tamén ao resto de persoas que fan vida na área transfronteiriza por motivos de estudo, negocio ou semellantes ou simplemente se limita de maneira exclusiva aos traballadores e traballadoras”.

Na actualidade, en plena sexta vaga da pandemia por COVID-19 e coas medidas aplicadas en decembro polo Goberno portugués, segue existindo temor pola posíbel repercusión que as futuras medidas sanitarias de restrición da mobilidade puideren ter na vida e no traballo da xente a ambos os lados. “É necesario que as autoridades gobernativas de ambos os estados avancen e poñan en marcha canto antes un pase transfronteirizo e que para a súa articulación se teña en conta as consideracións que as institucións directamente involucradas poidan achegar” conclúe Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG