BNG urxe diálogo entre Ourense e ADIF para a cesión dos terreos ao lado da Estación Intermodal

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama recuperar espazo público para uso e desfrute de toda a veciñanza da cidade

Os barrios da Ponte e O Vinteún poderían contar cun espazo de esparexemento cando remate a segunda fase de construción da intermodal e evitar a especulación urbanística

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra na cámara baixa iniciativas para coñecer a postura do Goberno do Estado ante o anuncio do alcalde de Ourense de iniciar os trámites para a “expropiación” de 12 hectáreas de terreo ferroviario propiedade de ADIF. A formación nacionalista reclama que exista un diálogo entre as diferentes institucións que posibilite a cesión dos terreos e o seu aproveitamento para uso público.

Hai uns días o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, informaba aos medios que dera as instrucións de comezar os trámites de “expropiación” 12 hectáreas de terreos ferroviarios propiedade do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF). Esta decisión nace despois do suposto desprezo mostrado polo organismo de infraestruturas á solicitude de entrevista pedida polo rexedor de Ourense para abordar a situación do proxecto da estación.

“Estes terreos quedarán libres de uso ferroviario coa segunda fase da construción da intermodal o que obrigaría, segundo sinala o estudo informativo do proxecto, a trasladar a zona de depósito e carga de mercadorías e fechar os talleres de Renfe” explica o deputado do BNG. Por ese motivo, Rego demanda máis información sobre os terreos para coñecer se a cesión pode realizarse e mesmo se están adscritos a unha finalidade pública “ou se se trata de bens patrimoniais” e analizar cal sería a senda máis favorábel para pór os terreos ao servizo da cidade.

Neste sentido, o deputado quere coñecer a existencia ou non dos trámites e comunicacións realizadas polo Concello de Ourense sobre este tema. “Queremos saber se ADIF está disposto a negociar co Concello e a postura que ten para estabelecer un convenio de cesión destes terreos co obxectivo de que teñan un uso público” enfatiza. Rego apunta na necesidade de que ADIF ceda estes terreos e as poña a disposición da veciñanza de Ourense, “sobre todo dos barrios da Ponte e O Vinteún”,  e “podan gozar dun espazo necesario nunha zona con escaso espazo público”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG no Concello de Ourense destaca o aproveitamento desas vías que quedarán sen uso após o traslado das mercadorías ao polígono. “Ambos barrios non poden perder outra oportunidade histórica para o seu desenvolvemento. Non se pode permitir que ADIF venda eses terreos para que se realicen máis vivendas e beneficiarse dun espazo que debe ser público. Ourense precisa solucionar as eivas existentes na actual estación de ferrocarril” alerta Seara.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG