Senado

BNG urxe “diálogo e consenso” entre Ministerio de Transportes e Concello para garantir a integración do AVE en Ourense

Carme da Silva
Carme da Silva

Solicita unha reunión entre o Ministerio e ADIF co goberno municipal para corrixir as eivas do proxectos: liberalización da praia de vías, paso soterrado en Peliquín ou o traslado das mercadorías ao Polígono de San Cibrao, entre outras

“Está en xogo o futuro de Ourense e non se pode pospoñer máis a necesidade de abordar as modificacións e axustes precisos” afirma Carme da Silva

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas no Senado relativas á necesidade de que ADIF e o Ministerio de Transportes abran ao diálogo e ao consenso o proxecto de integración do AVE en Ourense. Carme da Silva entende que existen eivas no actual plan, estratéxico para a cidade, e, de non corrixirse, terá un grave impacto na configuración da trama urbana. “Consensuar e acordar un proxecto de integración da alta velocidade en Ourense adecuado e adaptado ás necesidades e á trama urbana da cidade, é un cometido que está por riba do cor política de quen goberne. Está en xogo o futuro de Ourense” afirma.

A falta de consenso e diálogo por parte de ADIF e o Concello de Ourense en relación ao proxecto de integración do AVE en Ourense preocupa á veciñanza, ás asociacións e mesmo ás entidades e colectivos dos diferentes ámbitos. “É un proxecto de grande importancia e cun impacto na estrutura urbana que debería ser pactado e acordado entre as diferentes administracións” sinala Carme da Silva.

De facto, unha das demandas do BNG foi que o Concello de Ourense se dirixise ao Ministerio de Transportes e a ADIF para solicitar unha reunión da Comisión de seguimentos da obra. Tal e como puido saber a organización nacionalista, o goberno local enviou senllas cartas no pasado mes de outubro mais non obtivo ningunha resposta.

“Consensuar e acordar un proxecto de integración da alta velocidade en Ourense adecuado e adaptado ás necesidades e á trama urbana da cidade, é un cometido que está por riba do cor política de quen goberne. Está en xogo o futuro de Ourense e non se pode pospoñer máis a necesidade de abordar as modificacións e axustes precisos no proxecto de integración do AVE en Ourense” asevera. É imprescindíbel, sinala a senadora do BNG, corrixir as eivas dun plan que é estratéxico para a cidade e que terá un impacto na configuración da trama urbana.

As eivas máis importantes do proxecto de integración

“Insistimos na necesidade de abordar o traslado das mercadorías ao Polígono de San Cibrao, unha proposta que conta cun total consenso no tecido socioeconómico de Ourense” lembra da Silva. Así mesmo, o BNG insiste na necesidade de abordar a liberalización dos máis de 100.000 metros cadrados de solo, trasladando a praia de vías cara a rúa Río Arnoia.

Carme da Silva recordou o traballo realizado polo BNG, da man do deputado Néstor Rego, na anterior lexislatura a respecto das reivindicacións da veciñanza do barrio ourensá de Peliquín en relación ao plan de ADIF de suprimir o paso a nivel na zona e a súa substitución por un paso elevado. “Trasladámoslle a posición crítica da veciñanza que ofrecía unha alternativa como era o paso soterrado para o tránsito de vehículos e viandantes de modo que o barrio no ficase illado” destaca.

Temos que lamentar, continúa a senadora, que ADIF acabe de sacar a concurso a eliminación do paso a nivel. “Queremos saber os motivos polos que ADIF non foi flexíbel e, no canto de aproximar posturas e tratar de buscar unha solución que non deixe o barrio illado, decidiu apostar polo proxecto que a veciñanza rexeitaba” conclúe.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG